Orzamentos de cienciafición

Seguro que moitas persoas se lembran daquelas películas de cienciafición, pagadas polo Departamento de Estado americano, que nos mostraban como ían ser os anos dous mil.

Se teimaran en ler os orzamentos do Estado Español desde o comezo do século XXI, e os puidesen comparar cos guións daquelas películas, corroborarían canto se asemellan: todo parecido coa realidade é mera coincidencia. A saga poderíamos denominala Plan Galicia.

Os orzamentos do Estado describíannos, para esta década de promisión, unha Galiza con todas as autovías rematadas. Mesmo as que unen Santiago-Lugo, e Lugo-Ourense. Tamén o acceso central, por Monforte e Chantada. E que, dunha vez, rematarían a famosa Autovía das Rías Baixas.

A realidade é que non só estamos agardando por esas “autovías”, senón que non se pode circular polas vellas estradas entre as capitais amentadas, cheas de cráteres lunares. A razón non é outra que os orzamentos do Estado para o mantemento e reposición das infraestruturas descenderon nun 76 % nos últimos dez anos. Anúnciannos tamén que a autovía Vigo-O Porriño vai comezar a “tramitarse” no ano 2021 e así completar aínda a das Rías Baixas.

E o AVE… Xa debería estar rematado no ano 2003. Segundo o libreto dos orzamentos para 2018, a data sinalada para o final xa está posta no ano 2025. E, agarden, para o ano que ven sumaranlle un ano máis, polo menos.

Do AVE Lugo-Ourense, ninguén sabe. Viaxar en tren “normal” entre ambas cidades ou a Compostela, leva medio día, ben medido.

A conexión Monforte-Palencia é un buraco negro, que traga o tempo. E o Corredor Atlántico, foi aducido en Madrid e del nunca máis se soubo. O tren da Costa, ou de A Coruña-Ferrol, está como está para mostrar como se viaxaba hai un século.

Pero que ben se circula polo papel impreso en Madrid!.

E estamos a falar da infraestructuras, que entran no capítulo propagandístico da “pax madrileña”, que se poñemos o foco nos servizos sociais e culturais, podemos ollar como a chegada deses alieníxeras, pauperizou e degradou as condicións de vida dos habitantes de Galiza (a terceira parte do gasto sanitario pagámolo do noso peto), dispostos ou non a defenderse da colonización foránea que lles ía traer a prosperidade.

Non se dan conta de que xa están gobernados polos aliens!. Só así se entende que a Xunta aplauda que o proxecto de orzamentos aumente no noso País un 1,2 %, fronte ao 17 % que o fai en todo o Estado. Ou que se presten ao truco de que, ano tras ano, case a metade dos orzamentos queden sen executar… E aplaudan. Hai partidas que levan máis de 15 anos aparecendo!. E que, aínda así, Afonso Rueda afirme que “son uns orzamentos históricos”.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar