En Marea valora que os Orzamentos do Estado “continúan a austeridade”

 

O grupo parlamentario de En Marea valorou os Orzamentos do Estado que lamentaron “continúen a senda da austeridade e consolidan o modelo de redución do gasto público”. O voceiro Luís Villares e o deputado Manuel Lago desmontaron o triunfalismo amosado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ante o que para En Marea non son máis que “un auténtico bochorno para Galicia”.

O deputado Manuel Lago salientou que o 2,7 por cento en termos nominais de suposto incremento nos orzamentos presentado polo ministro Montoro non é tal xa que tendo en conta que o Produto Interior Bruto nominal vai incrementar un 4,2 por cento, isto significa que os recursos públicos dos que imos dispor serán 1,5 puntos menos do que tiñamos en 2017. “Se trasladamos esta porcentaxe a números concretos implica que contaremos con 20.000 millóns de euros menos para financiar o gasto e investimento público e protección social”.

“Non é a recesión senón que estamos ante o proxecto ideolóxico da dereita conservadora do PP e a complicidade de Ciudadanos” denunciou Manuel Lago. Un modelo que ten xa presentado o Partido Popular ante a Unión Europea tal e como explicou o deputado de En Marea, e no que se compromete a que en 2020 o gasto público non supere o 38 por cento o que se traduce en consolidar un estado de benestar devaluado.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, lamentou o discurso mantido por Núñez Feijóo valorando os Orzamentos estatais xa que na súa opinión “unha baixada de investimentos, un empobrecemento nas pensións e do poder adquisitivo do funcionariado, ou a redución do nivel de investimento a niveis de hai 11 anos” non son motivos de celebración para En Marea.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar