O deputado do PP Celso Delgado valora positivamente os investimentos

 O deputado do PPdeG e presidente da Comisión de Fomento no Congreso, Celso Delgado, valorou positivamente os Orzamentos Xerais do Estado presentados esta mañá, unhas contas nas que sube a inversión en Galicia e garanten a chegada das infraestruturas pendentes para a nosa Comunidade.

Estes presupostos, que supoñen para Galicia máis do 9,3% do investimento total do Estado tendo a Comunidade un 6% de poboación, contribuirán -segundo explicou Delgado- á creación de emprego e ao crecemento económico. Sobre estas cifras chama a atención que cando gobernaba o PSOE en España, os socialistas celebraban contar tan só cun 8% do total da inversión.

Máis polo miúdo, no que se refire ao investimento territorial rexionalizado, Galicia recibirá un total de 936,8 millóns de euros, cifra superior a do ano anterior, aumentando un 1,3% a inversión. A isto hai que engadir 42,5 millóns de euros do Fondo de Compensación Interterritorial que eleva a contía a 979,3 millóns de euros.

No que respecta ás infraestruturas, salientou a conexión de alta velocidade entre Galicia e Madrid no tramo entre Zamora e Ourense que recibirá unha dotación de máis 400 millóns de euros, chegando ata máis de 600 millóns no conxunto da liña. Ademais disto, os presupostos recollen actuacións en estradas nas distintas provincias galegas e tamén en materia portuaria e aeroportuaria, algo que demostra o compromiso claro do Ministerio de Fomento con Galicia.

Celso Delgado tamén cualificou estas contas como “extraordinariamente sociais”, xa que inclúen medidas para mellorar as rendas dos máis de 13 millóns de pensionistas, dos empregados públicos e dos asalariados, cunha rebaixa do IRPF que permitirá un aforro de 440 euros ao ano de media -para os traballadores e pensionistas que gañen entre 12.000 e 18.000 euros ao ano-. Así mesmo, tamén incorporan os acordos asinados cos sindicatos da Administración pública, polo que os funcionarios da nosa Comunidade notarán unha mellora salarial entre este ano e o 2020.

Por último, Delgado apuntou que se trata de presupostos con partidas que, aínda sendo de ámbito estatal, benefician a Galicia. Por exemplo, no tocante aos pensionistas galegos –somos unha rexión cun volume importante de pensións mínimas- puxo en valor que terán unha suba de ata un 3% que chegará a beneficiar a preto de 500.000 persoas, “unha medida que fai unha discriminación en positivo ás rendas máis baixas”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar