A Deputación de Ourense entrega hoxe os Premios “Estatuto de Autonomía”

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidirá hoxe venres, 6 de abril, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o acto de entrega dos V Premios “Estatuto de Autonomía de Galicia”, que organiza a Deputación de Ourense. A este certame presentáronse nesta edición un total de 213 traballos de estudantes da provincia de Ourense, sendo o lema do concurso: “Un territorio coas súas formas tradicionais de convivencia e asentamento”. 147 dos traballos corresponden á modalidade de debuxo ou traballo artístico, de alumnos de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial, e 66 traballos pertencen á modalidade de redacción, de alumnos de ESO, Bacharelato e ciclo medio de Formación Profesional.

En canto aos premios, na modalidade de debuxo seleccionáronse as 12 mellores obras, que recibirán un diploma e un lote de libros, e na modalidade de redacción, os 20 mellores traballos, que serán premiados cun diploma, un lote de libros e unha viaxe a Santiago de Compostela para visitar o Parlamento de Galicia e realizar outras actividades culturais. Os premiados daranse a coñecer no acto institucional de entrega dos premios, que terá lugar mañá venres, conmemorando o día do Estatuto de Autonomía de Galicia.

O xurado estivo integrado polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, en calidade de presidente; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, como vicepresidente do xurado; e como vogais: Montserrat Lama, Armando Ojea e Francisco José Fraga. O asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, actuou como secretario do xurado con voz pero sen voto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar