A Deputación de Ourense concédelle a Medalla de Ouro ao filólogo Eligio Rivas

A Deputación de Ourense concederá ao filólogo e etnógrafo ourensán Eligio Rivas a Medalla de Ouro da Provincia. Así o deu a coñecer o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, trala reunión que mantivo co filólogo no Pazo Provincial, acompañado polos directivos da Asociación Cultural “Amigos da Vía da Prata” José Antonio Quintas e José Luis Rodríguez Cid, destacando que con este recoñecemento “rendemos homenaxe e poñemos en valor, aínda máis, as importantes achegas de Eligio Rivas nos ámbitos da toponimia, a etimoloxía e a lingua galega, un tesouro cultural que soubo investigar, preservar e impulsar como poucos, polo respecto á nosa historia, a nosa fala e ás nosas tradicións, que marcaron sempre a súa dilatada carreira profesional”.

Baltar afirma que unha das principais obras de Eligio Rivas, o Diccionario Etimolóxico da Lingua Galega “é un dos mellores estudos sobre o léxico rural da nosa terra, traballo ao que hai que sumar unha prolífica obra que abrangue máis de medio século, con libros, estudos e proxectos de lexicografía, filoloxía, toponimia, historia e arte”.

Eligio Rivas Quintas (Fondo de Vila, Xunqueira de Ambía, 1925), relixioso paúl, filólogo e etnógrafo, recibiu Premio Otero Pedrayo en 1980 pola súa obra A Limia, e foi tamén distinguido co Premio “Taboada Chivite” (1980) e coa a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2000). A Deputación de Ourense outórgalle a máxima distinción provincial “como homenaxe a unha forma de ser e de sentir o noso, de divulgar os mellores valores que nos singularizan como pobo e como país”, expresa Manuel Baltar, afirmando que este galardón é tamén “o recoñecemento á nosa cultura, personificada en Eligio Rivas”.

O presidente da Deputación de Ourense confirmou que o goberno provincial iniciará os trámites para a concesión do recoñecemento a Eligio Rivas, que se suma á destacada nómina de medallas de ouro da provincia de Ourense, na que figuran: o musicólogo Manuel de Dios, compositor do Himno de Ourense; Recaredo Paz, fundador de Aixiña; Xaime Quessada, artista plástico; o historiador e escritor Marcos Valcárcel; o grupo musical “Los Suaves”; e a título póstumo o escritor Carlos Casares, e o doutor Luis Rodríguez Míguez (neste caso pendente da entrega do galardón).

Eligio Rivas é licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela (1975) e doutor na mesma especialidade (1979). Especialista en Toponimia, a súa tese de doutoramento sobre esta materia e os seus traballos de investigación etimolóxica son un referente nos estudos universitarios referidos a esta temática. É membro da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia desde 1978 e fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica da Universidade de Santiago, así como correspondente da Real Academia da Historia.

Entre as súas obras e proxectos destacan a restauración da ermida de San Mamede; a creación da Aula da Natureza en O Caudillo; os traballos a prol da restauración do Camiño Mozárabe de Santiago, e a creación e restauración das pezas do Museo Etnográfico situado en Montemedo, Os Milagros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar