‘Divinas Palabras Revolution’ estrearase o 12 de abril en Santiago

O Centro Dramático Galego (CDG) encara xa a recta final da produción do seu novo espectáculo, Divinas Palabras Revolution, que o equipo artístico e técnico continúa a ensaiar no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A estrea terá lugar o xoves día 12 neste mesmo espazo, sede da compañía pública, onde están programadas máis de dúas semanas de representacións tanto para público xeral como en campaña escolar.

XRon dirixe esta adaptación, a primeira en idioma galego, da coñecida obra de Valle-Inclán, que lle ofrecerá ao público unha ollada actual e desinhibida da traxicomedia valleinclaniana, ambientada aquí na “aldea global” fronte a “aldea” do orixinal.

Divinas Palabras Revolution poderá verse ata o 29 de abril no Salón Teatro, onde o CDG levará a cabo 16 funcións. As de público xeral desenvolveranse de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, día do espectador, ás 18,00 h. Así mesmo, os espectadores terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo da montaxe tras o pase dos xoves nos chamados Encontros co Público.

En canto á campaña escolar, para a que continúa aberto o prazo de inscrición de institutos, os pases terán lugar os martes e mércores, ás 11,30 h., dirixidos a alumnado a partir dos 15 anos de idade.

Domingos de Conciliación

Ademais, nas tres funcións programadas os días 15, 22 e 29 de abril, o CDG pon en marcha un novo servizo, denominado Domingos de Conciliación, para todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo. Esta iniciativa –incluída no prezo da entrada– consiste nun obradoiro de artes escénicas na Fundación Granell, para idades comprendidas entre os 5 e 12 anos, onde os rapaces e rapazas poden pasar unha tarde entretida mentres os seus maiores asisten a Divinas Palabras Revolution no Salón Teatro. Para solicitar este servizo, de prazas limitadas, cómpre enviar un correo electrónico ao enderezo centro.dramatico.galego@xunta.gal ou chamar ao 881 867 229, de luns a venres (agás festivos) de 9,00 a 14,00 h.

Tras a súa estadía en Santiago, a nova produción propia da compañía institucional iniciará unha xira durante a que se exhibirá noutras oito localidades galegas (4 de maio en Carballo, 11 e 12 de maio en Ourense, 1 de xuño no Barco de Valdeorras, 8 e 9 de xuño na Coruña, 14 de xuño en Pontevedra, 16 de xuño en Rianxo, 21 e 22 de xuño en Vigo e 29 de xuño en Cangas), así como no Teatro Español de Madrid (do 17 ao 27 de maio). Alí representarase en galego, con sobretítulos en castelán, 85 anos despois da estrea da obra orixinal, que tivo lugar en 1933 nese mesmo espazo baixo a dirección de Cipriano Rivas Cherif, con escenografía deseñada por Castelao e con Margarita Xirgu como Mari-Gaila.

Nesta nova aproximación á obra de Valle-Inclán, este papel será interpretado por Patricia de Lorenzo, como parte do elenco do que tamén forman parte Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar