O Concello de Ourense revisa o Plan do Casco Histórico

O Concello de Ourense xa ten fixada a data para a constitución da Comisión de Revisión do PERI do Casco Histórico: será o vindeiro luns, 09 de abril, ás 09:00 horas.

Tal e como explica o concelleiro de Urbanismo, José Cudeiro, dáse cumprimento así ao acordo adoptado en xunta de área cos grupos políticos, cuxos representantes formarán parte da devandita comisión, así como os técnicos municipais do PERI e do Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística.

Trátase da primeira revisión do PERI do Casco Histórico nos seus case 22 anos de existencia, e é necesaria para adaptar esta normativa á lexislación actual, que sufriu variacións nestas máis de dúas décadas de vixencia. O obxectivo primordial é, tal e como defende o Goberno Municipal a través do concelleiro de Urbanismo, “apoiar a revitalización da zona monumental da cidade cunha axeitada regulación dos edificios e inmobles do Casco Histórico”.

A comisión analizará e revisará o traballo realizado polos técnicos nas diferentes fichas do PERI, co fin de chegar a un consenso que permita a súa aprobación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar