A Consellería do Medio Rural pacta a reconversión do viñedo

A Consellería do Medio Rural vén de pactar co sector vitivinícola o borrador da orde de axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e a súa convocatoria para o ano 2018. Foi a través dun encontro entre a directora xeral de Agricultura, Gandaría e Industrias Agroalimentarias e os portavoces das cinco denominacións de orixe do viño que hai en Galicia. Neste encontro, presidido pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, acordáronse por unanimidade modificacións as condicións destas subvencións.

Así, por primeira vez, en Galicia iguálase a participación financeira dos plans individuais á dos colectivos, demanda promovida dende a Xunta ante o Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (Mapama), sen prexuízo de que os plans colectivos, entre outros criterios, sexan prioritarios no procedemento de selección das solicitudes.

Ademais, coma novidade este ano, valorarase a contratación dos seguros agrarios para a uva de vinificación así como a concentración de superficie vitícola nunha única parcela. Así mesmo, seguirán tendo prioridade aqueles mozos que se inicien na actividade vitícola cunha atención preferente ás mulleres labregas, titulares ou cotitulares dunha explotación vitícola.

As actuacións que se financiarán con cargo a estas axudas son: a reimplantación de viñas, a reconversión varietal e a mellora das técnicas de xestión das viñas. Unha vez acordados os requisitos, a orde continúa a súa tramitación de cara á súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Poderán beneficiarse destas axudas os viticultores, sexan persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación, con viñas destinadas á produción de uva para vinificación. Non obstante, non se subvencionarán as novas plantacións de viña nin tampouco a renovación normal das viñas que chegasen ao final do seu ciclo natural.

Neste contexto, a directora de Gandaría adiantou que o seu departamento xa está a piques de rematar a análise dos custos reais e a súa metodoloxía de revisión das operacións subvencionables, de acordo co compromiso adquirido co sector vitivinícola galego. A intención é buscar a súa actualización e poder subvencionar de novo a man de obra propia cunha mellora considerable desta axudas de cara a vindeira convocatoria do ano 2019.

Obxectivos

A través destas subvencións, a Consellería do Medio Rural pretende que se leven a cabo os reaxustes estruturais necesarios para diminuír os custos de produción das explotacións e apostar polo redimensionamento. Así mesmo, foméntase a adaptación das variedades ás demandas do consumidor ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación nun mercado cada vez mais globalizado.

Así mesmo, esta consellería busca seguir profundizando na profesionalización do sector vitícola galego, ao tempo que se potencia o relevo xeracional e un desenvolvemento rural socialmente xusto e viable. Terán unha atención preferente as explotacións agrarias prioritarias e as de zonas de produción con vocación vitícola de calidade protexidas por algunha de indicación xeográfica.

Esta orde de axudas forma parte do programa nacional de apoio ao sector vitivinícola español, 2019-2023 e, a través deste acordo cos consellos reguladores, o que se fai é adaptar as condicións ás características específicas da nosa comunidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar