Ferrol: Proposta de incluir 21 edificios no programa “Rexurbe”

O Concello de Ferrol remitirá a Xunta de Galicia unha proposta para incluír 21 edificios sitos en Ferrol Vello no programa Rexurbe, deseñado coa vontade de recuperar e revitalizar os cascos históricos de vilas e cidades galegas e que entronca coa vontade deste Goberno local de apostar decididamente por Ferrol Vello.

Na proposta que a Concellería de Urbanismo, Vivenda e Rehabilitación remitirá nos vindeiros días ao Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS) figuran 21 edificios dos que a meirande parte, o 86% (18 dos 21), están localizados na zona cualificada como área 1 ou prioritaria do programa.

No caso de Ferrol Vello, esta área 1 de intervención prioritaria abrangue as rúas Paseo da Mariña, Benito Vicetto, Carme Curuxeiras, Merced, San Francisco, Argüelles, Murillo, Río Novo e Rastro e Virxe, estas dúas últimas parcialmente.

A relación destes 21 inmobles propostos para a oferta de compra en Ferrol Vello non están suxeitos a ningunha carga, física ou xurídica, conforme ao indicado na resolución do IVGS. 19 dos 21 son de titularidade privada, un da Xunta e outro do Concello.

Para poder cumprir cos termos da resolución, a concellería de Urbanismo e Vivenda ven de facer, tal e como explicaba a concelleira María Fernández Lemos, un gran esforzo administrativo para axilizar os trámites e poder proceder ao arquivo dos expedientes con ordes de execución abertas que, tristemente, son o escenario mais habitual no barrio de Ferrol Vello.

O orzamento previsto para a súa adquisición é de 1,2 millóns de euros.

Cabe sinalar, manifestou Lemos, que na lista de edificios propostos figura un de titularidade municipal na rúa Virxe, e sito entre dous inmobles propiedade do IGVS, que o Concello xa se ofrecera a ceder ao ente autonómico na xuntanza celebrada na dirección do IGVS o pasado 19 de xaneiro en Compostela entre a edil e o director do Instituto, Heriberto García.

Naquel encontro, o o Concello xa tiña proposto como posibilidade de ceder este inmoble ao IGVS para a construción de vivendas xunto cos colindantes para o que se remitirá a documentación a volta dos días festivos así como o listado e as referencias dos inmobles arquivados en Ferrol Vello cos correspondentes decretos e ordes de execución, de cara a facilitar un primeiro grao de coñecemento do estado dos respectivos inmobles.

O programa Rexurbe é un concurso público do Instituto Galego da Vivenda e Solo no que os propietarios interesados poderán ofrecerlle os inmobles da súa propiedade para que sexan adquiridos polo IGVS. Os inmobles deberán estar situados nos cascos vellos dos catro concellos indicados e nas rúas que se establecen no cadro adxunto.

Os inmobles deben reunir uns requisitos mínimos que permitan:

Que as novas vivendas reúnan condicións óptimas de confort e habitabilidade
Non estar afectadas por servidumes ou cargas que podan facer inviable a actuación.
Estar inscritas no Rexistro da Propiedade

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar