O Concello de Ourense e a Xunta asinan un convenio para intervencións no núcleo etnográfico de Seixalbo

 

O Concello de Ourense e a Xunta veñen de asinar un convenio pioneiro para axilizar as intervencións no núcleo etnográfico de Seixalbo.

O alcalde, Jesús Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, rubricaron o acordo, o primeiro destas características en Galicia, que permite axilizar os trámites e os prazos das actuacións patrimoniais neste ámbito.

“Un paso adiante, pois, para os veciños e veciñas de Seixalbo, que poderán centralizar todos os trámites relativos aos seus intereses e demandas aquí mesmo, en Ourense. E un paso adiante importantísimo, tamén, para a conformación dunha cidade dinámica e viva en todos os seus barrios e lugares”, destacou o rexedor ourensán.

Este convenio permítelle a este Concello a autorizar as intervencións no ámbito do Núcleo de Interese Etnográfico de Seixalbo que se refiran a bens catalogados integrantes do patrimonio arquitectónico ou etnolóxico, así coma das súas contornas de protección e zonas de amortecemento.

O Concello de Ourense disporá unha comisión técnica municipal composta por 7 integrantes da Concellería de Urbanismo, técnicos que, ademais da titulación, son redactores do P.E.C.I.E. de Seixalbo, aprobado o 3 de Marzo de 2017.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria será informada por esta comisión de forma trimestral da relación de autorizacións e licencias concedidas

Isto é posible porque, tal como establece a lei, o Concello de Ourense cumpre cos requisitos esixidos como é que o núcleo de Seixalbo conte cun Plan Especial específico adaptado á lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cun equipo de persoal técnico competente para o exercicio da arquitectura, a arqueoloxía e a historia da arte.

Este acordo enmárcase dentro da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia e dos acordos coa FEGAMP relativos aos trámites de autorizacións nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, os seus contornos de protección e as zonas de amortecemento de aplicación para a totalidade dos concellos de Galicia. O obxectivo é simplificar trámites e facilitar aos cidadáns os permisos de intervención nesta área.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar