Para fiarse de CCOO e UGT

Calquera observador político terá que concluír que poucas veces se dan unhas causas obxectivas coma nestes momentos para a convocatoria dunha folga xeral, política, por suposto.

Unha folga xeral, coas pensións como eixo, pero que debería ter como leitmotiv o de facer retroceder as políticas antisociais que puxeron en marcha os gobernos nos últimos anos (sen mellores salarios, sen mellores empregos, non hai mellores pensións), pois, cando se trata de servir aos intereses da banca e das grandes aseguradoras, non hai moitas diferenzas entre PP e PSOE.

Pero non se arrufen os partidarios da mobilización, nin se amedoñen os contrarios. Non vai haber folga xeral no Estado. E non a vai haber porque UGT e Comisións non queren. Outra cousa pode ser en Euskadi e Galiza, nacións que se distinguiron polas súas mobilizacións e nas que, non por casualidade, os sindicatos estatais non son preponderantes.

As direccións de UGT e Comisións, por máis que participen nas mobilizacións, non están a prol dunha folga xeral, porque elas son tan culpábeis, ou máis, ca PP e PSOE nos recortes sociais. Asinaron con eles e coa patronal todos os recortes e sempre recibiron algo en troques.

As cousas obxectivas para a folga xeral son máis determinantes que aquel 20 de xuño de 1985 cando, ante os recortes de Felipe González, se convocou a folga xeral.

No 1988 vólvese convocar unha nova folga xeral. Conseguiríase o estabelecemento das pensións non contributivas e a revalorización automática. Pero foi o cántico do cisne: comezou a domesticación total do sindicalismo español. Chegoulles a crise de 1994, cando foi expulsado Nicolás Redondo e rachou Comisións.

No 1996 os sindicatos asinan o acordo con J.M. Aznar denominado de “racionalización e consolidación”. Tal cal: reducíanse as pensións entre un 7 % e un 21 % e dábanlle non só vía libre aos axusten máis duros nunca realizados, senón as privatizacións das grandes empresas públicas.

No 2001, CCOO asina un acordo para prorrogar a xubilación máis alá dos 65 anos, cando pouco antes demandaban realizala ao 63.

No ano 2011 asinan un novo acordo con máis recortes. A xubilación sitúase aos 67 anos, é preciso ter cotizados 37 por recibir o 100 %. A reforma é asinada polo PSOE, CCOO, UGT, CEOE e CPYME.

Pódese comprobar que eses acordos de redución das pensións e dos dereitos laborais, dos soldos, que van directamente relacionados, asinaranse tanto en épocas de bonanza como de crise. O problema non é a suba do 0,25 %, senón o desmantelamento do sistema público.

E non serán estas mobilización, apoiadas por certos medios sistémicos, un lavado de cara para asinar outros acordos con máis recortes?

Ollo ao piollo!

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar