O operador turístico American Express visita Galicia para organizar viaxes

 

Representantes do operador turístico American Express visitan estes días parte do territorio galego convidados por Turismo de Galicia para coñecer o produto Xardíns e viños e despois organizar viaxes para os seus clientes que teñan como principal atractivo esta oferta tan característica da Comunidade.

Deste xeito, estes días os visitantes achegaranse a varias localidades asociadas aos xardíns o patrimonio rural e aos viños, ademais da cidade de Santiago de Compostela. Na súa estadía, os representantes do operador American Express percorrerán tamén lugares relacionados coa Ruta da camelia: pazos e os seus xardíns, así como adegas relacionadas con este produto.

Os visitantes terán tamén a oportunidade de coñecer a oferta gastronómica e paisaxística de Galicia así como distintos lugares destacados polo seu atractivo turístico tanto da costa como do interior.

Polo que respecta á demanda turística, os visitantes dos Estados Unidos aloxados en establecementos turísticos medraron o ano pasado un 14,9% en relación a 2016. Ademais, o número de pernoitas tamén creceu un 16,8%. Este é o sexto ano consecutivo no que melloran as cifras do mercado americano en Galicia con incrementos de dous díxitos desde 2011.

Tal circunstancia sitúa os niveis de demanda en máximos históricos en Galicia con preto de 128.000 viaxeiros norteamericanos aloxados e algo máis de 202.000 pernoitas nos establecementos turísticos galegos. En termos absolutos, o crecemento sostido dos últimos seis anos supuxo a xeración de máis de 140.000 pernoitas en aloxamentos regrados, pasando de pouco máis de 60.000 en 2011, aos 202.000 de 2017.

Polo que respecta ao Camiño de Santiago, Estados Unidos, con 17.522 Compostelas, foi o terceiro país estranxeiro que máis peregrinos achegou durante o ano 2017, un 6,8% do total.

‘Viños e Camelias’ en Sevilla
As actividades para impulsar a Ruta da Camelia complétanse con iniciativas como a que se está a desenvolver durante todo este mes na cidade de Sevilla. Trátase da campaña itinerante Viños e camelias, que impulsa en mercados nacionais a experiencia turística creada ao carón da Ruta da Camelia e as bodegas que forman parte da D.O Rías Baixas.
Ao abeiro desta iniciativa, esta semana celebrouse no mercado gourmet Lonja del Barranco unha exitosa cata onde se presentaron os viños das bodegas do Pazo de Rubiáns, un dos pazos participantes na Ruta da Camelia. Durante este mes, na viñoteca deste mercado da capital andaluza ten lugar destacado unha selección de viños da D.O Rías Baixas e está, ademais, decorado cun bosque de viños e camelias. Tamén está instalado durante todo este mes un punto de información turística da Comunidade galega.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar