Tellado critica a actitude da deputada de En Marea Paula Quinteiro

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, valorou os escenarios posibles tralo altercado protagonizado pola deputada de En Marea, Paula Quinteiro, coa Policía Local de Santiago e posterior reacción do seu partido, asegurando que “pase o que pase, cremos que estamos ante a crónica dun Grupo Mixto anunciado”.

Segundo Tellado existen tres opcións:  a Executiva das Mareas pode facerlle caso a Villares e expulsar a Quinteiro do Grupo, co que Villares deixaría de ser líder da oposición -pasando o PSdeG a ser a primeira formación da oposición-; a Executiva pode desobedecer ao portavoz parlamentario e perdoar a Paula Quinteiro, co que Villares deixaría de ser líder incluso dos seus afíns dentro do partido; ou Quinteiro pode dimitir, “e daríanos a razón no que dixemos o pasado mércores, cando advertimos de que o silencio e a inacción de Villares estaban condenando á súa compañeira a acabar coa súa carreira”.

Para o secretario xeral, “en calquera dos tres escenarios, as Mareas de Podemos demostrarán que non estiveron á altura da confianza que lle deron tantos galegos que hoxe están comprensiblemente decepcionados”.
Tellado tamén lembrou que o episodio que envolveu a Quinteiro reflectiu boa parte do que non podemos admitir que sexa a política: “Primeiro, unha deputada facendo uso de prerrogativas parlamentarias para intentar intimidar a un axente e mediar polos supostos vándalos que a acompañaban; segundo, uns responsables políticos que se negan a dar explicacións dunha actuación deste tipo e, cando as dan, o único que fan é intentar desprestixiar á Policía; e terceiro, un alcalde, o de Santiago, que en vez de defender os intereses dos seus veciños, as vítimas do vandalismo, defende aos vándalos”.

“Desde o Partido Popular de Galicia cremos que o máis importante disto é que esta semana retratou á perfección todas as carencias de Luis Villares como político”, manifestou Tellado engadindo que non foi capaz de pedirlle explicacións á súa deputada, non tivo liderado nin autoridade para defendela nin para reprobala, e tampouco tivo a valentía necesaria para dar a cara nunha situación de crise coma esta.
Así mesmo, precisou que ao acabar o pleno este mércores no Parlamento Villares demostrou non ser nin portavoz de si mesmo, “xa que non foi capaz de darnos unha opinión nin sequera persoal sobre unha cuestión moi grave que afecta ao seu grupo”.

Ademais, neste contexto, observouse como as Mareas de Podemos volven ser presa das súas contradicións. “Unhas horas despois de que Martiño Noriega dixese que este era un incidente menor e sen máis importancia, o seu mestre e mentor -como el mesmo o define- Xosé Manuel Beiras esixía que Paula Quinteiro se desculpase e dimitise. Isto demostra que non hai ninguén ao volante das Mareas, e que non hai consenso nin sequera dentro de cada un dos partidos que as conforman”, sinalaba o número dous do PPdeG.
Por último, Tellado lamentou que nesta loita de todos contra todos, os maiores derrotados son os milleiros de galegos que votaron ás Mareas de Podemos e que hoxe se sentirán avergonzados do espectáculo que está a dar o partido que escolleron, e de que os seus votos subvencionen a prepotencia dunha deputada que se dirixe á Policía coa soberbia do “usted no sabe con quién está hablando”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar