Fobias e filias que marean a Historia

Hoxe, a defensa dos valores de occidente -que deberamos presupor liderados por sectores laicos e progresistas- no noso tempo convértese en bandeira dunha dereita demagoga e corrupta. Mentres que a esquerda revístese de proislámica, por exemplo e faise sen ter en conta a dialéctica da historia. A atractiva ideoloxía do progreso tamén se desgasta e conseguintemente envíciase e endurécese na insensibilidade do consumo mediático. Véndense as guerras e con elas véndense as armas, as noticias e a verborrea. En semellante desorientación ética e entre as rutinas esfúmase e pérdese o espírito da razón crítica, característica occidental nacida das filosofías, do humanismo, entre nós a dos “bos e xenerosos” tan cantados. Movémonos agora como nun Entroido no que, con roupaxes diferentes disfrázanse prexuízos, incluso raciais, aínda que soe así. Si ben, dende a Segunda Guerra Mundial na que viraron tantas ideas, mesmo a palabra “raza” cargouse con esas connotacións negativas, apartada da antropoloxía na que se asenta, usámola agora con tino, por canto pode cargar de racismo, a superioridade dunha raza respecto a outra. En algo maduramos, aínda así seguimos a avaliar dende o noso xeito de entender, pese a que as cousas son como son, nas circunstancias que son.

Imperios, superpotencias, versus nacións colonizadas, sometidas, velaí a cuestión, a de ser ou non ser entre fórmulas e graos de racismo sen puír por medio. Probado está que a insatisfacción nacional sempre leva a máis, á expansión, perde o norte e con el a ética. E velaí a contestación con rebelións non so irmandiñas senón tamén entre plutócratas contrincantes insatisfeitos, a quen poder ou ter máis.

Ven a conto tal enguedello e o que segue a conta dun tema que non é novo entre os idiomas máis falados, reavivado agora por mor dun novo libro sobre o mesmo cantar Imperiofobia y leyenda negra(2017), da autoría da profesora malagueña, formada en Harvard (dato a ter en conta), María Elvira Roca. Ensaio arredor de crenzas e ideoloxías imperantes e das quiméricas sombras sementadas arredor deles, tachado de politicamente incorrecto. Pese a unha “independencia” que declara e coa que a autora tenta acoirazarse no limiar e pro que veña: di ser de familia masónica, republicana, ao marxe das relixións… Convén insistir na determinación das relixións no proceso imperial e que, a católica, por exemplo, pese a declararse “unha, santa, apostólica e romana” , como outras tamén, fendeuse en fraccións nacionais, a dobre moral. A ensaísta tenta facer un lavado de cara dos imperios, tanto do romano como do ruso, os Estados Unidos… e, como non, do mesmo imperio español, incluíndo no tema -e por algo será- a crecente hispanofobia, asumida pola esquerda. Vello tema, xa no debate humanista renacentista e en relación co antisemitismo, madurado na ilustración francesa e agora mesmo.

O occidente, aguilloado por imperios, disfrazados de evanxelización entre outros xeitos máis refinados de explotación ou escravización por medio, mostrou curiosidade por outras civilizacións, sen preocuparse por que eles aprenderan os usos e costumes dos seus sedutores occidentais. Así naceu e madurou a antropoloxía cultural, sempre a xulgar dende os parámetros civilizadores, considerados superiores, cada vez máis aureolados por obra e graza das novas tecnoloxías. Sen faltar os que consideran urxente o vivir en harmonía co planeta.

Como tinta de lura créase a lenda negra arredor dos “uns” e dos “outros”, dos amigos e dos inimigos, dos imperialistas e dos nacionalistas, demonizando, enviciando os tópicos de ser diferentes, inferiores, ruíns, feos, culpables. Asunto ben sabido polos creadores de videoxogos nos que se presentan enfrontamentos entre os uns cos que nos identificamos, os bos, contra os outros, os malos. Espalla que algo quedará. E as leis do silencio e da censura -que abondan de xeitos máis sutís- tamén se reviran pra conseguir o efecto contrario.

A historia, esa arma de dobre fío, escríbena, contrólana, reescríbena, sóbana os imperios e farano a súa comenencia. Historia escrita por aduladores dos seus poderosos mecenas. Principios que convén asumir, aplicar a razón crítica: nunca a explotación dun ser humano por outro, conseguintemente dunha colectividade ou dun pobo por outro. Educar na clarificación histórica non é fácil. Moitos a máis das catequeses recibimos con teimosía leccións sobre “a reserva espiritual de Europa”, maleducados con películas americanas de romanos, do éxodo hebreo e do quinto de cabalaría, vencedor sobre exóticos indios.

Así pois non é fácil expurgar as mentiras, entrar na cerna da realidade sen a belixerancia mamada. Nada pode explicarse sen furar entre causas e efectos ensarillados, en interacción, confundíndose incluso. Todo feito ten relación co posterior, co inmediato e todo co conxunto. Sempre sometidos a simpatías e antipatías, interpretacións, estados de ánimo, interesadas argucias, feitas dende trincheiras políticas, relixiosas, económicas, entre propagandas, prexuízos culturais, morais, insisto, incluso racistas, que aplicamos consciente ou inconscientemente. Historia pois tecida entre medias verdades e medias mentiras.

E claro que nos envolven tópicos, mitos, lendas áureas e tamén lendas negras sobre uns ou sobre outros. Dende finais do século XIII e dende os púlpitos viuse a necesidade de nimbar de positividade “exemplares” historias de santos, de mártires, guerreiros… E pola contra, dentro da espiral da dialéctica, tampouco faltaron as lendas negras, negativas, infernais, arredor de imposicións, torturas e morte… A Historia confúndese coa literatura e a descontextualización cría monstros.

Organizar significa xerarquizar grupos numerosos, uns sobreviven e outros extínguense. Uns e outros, amigos e inimigos entre filias e fobias, antisemitismo, antiimperialismo, antiamericanismo, hispanofobia ou mesmo galegofilia ou galegofobia envoltas en esperpentos e negras sombras que nos empeñamos en facer funestas. Ninguén esta ceibe da lei de gravidade social, en base á organización xerarquizada do poder. Repasemos unha historia clasificada pola evolución das armas: machados de pedra, de metais, gases e bombas atómicas, novísimas armas de destrución masiva, noticias que provocan e dividen o mapamundi… Sabendo que por natureza non somos suicidas, pero pola aculturación podemos chegar ao mesmo inferno.

O que si sabemos é que a guerra aniquila a uns e enriquece, garante poder e ganancias a outros que mesmo abandeiran a liberdade e a democracia pro seu uso e abuso. A liberdade política vai vencellada á liberdade económica e conseguintemente a todos os lavados de cerebro. A lenda negra tampouco é tan escura: non son lenda, nin mentira histórica os fanatismos desbordados aguilloando á violencia, as continxencias pra guerras santas, de cruzados e yihadistas, os totalitarismos expansionistas, a explotación, a aculturación, as novas fórmulas de escravismo, o dispendio organizado e amparado internacionalmente, as persecucións, as diferentes fórmulas de inquisición, o desterro, as checas e campos de exterminio, os fluxos migratorios, nin os negocios de armas que fundamentan economías de uns e alimentan o belicismo, mesmo a guerra permite que se recoñeza a unha comunidade como nación. Entender ao outro significa tentar destruír clichets, poñer pe no espírito da razón crítica.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar