A Deputación de Ourense defende o Centro Galego de Bos Aires

 

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria correspondente ao mes de marzo, o manifesto en defensa do Centro Galego de Bos Aires, determinando así dar conta do acordo adoptado pola corporación provincial á Xunta de Galicia, ao Parlamento de Galicia e ao Ministerio de Asuntos Exteriores, co obxectivo –como sinala o manifesto- de contribuír a conservar unido o patrimonio inmobiliario, artístico e cultural que conforma o Centro Galego de Bos Aires, esta emblemática entidade da diáspora galega.

Esta iniciativa, que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos e apoiada tamén coa presenza no salón de plenos de significados representantes do Partido Galeguista, supón a defensa e a posta en valor dunha das institucións que máis fixo no mundo pola emigración galega, e pola historia, cultura e sentimentos dos ourensáns e dos galegos que a milleiros puxeron rumbo cara a Arxentina a finais do século XIX e durante a primeira metade do século XX en busca de novas oportunidades. Alí foron acollidos por familiares e amigos, pero sobre todo polo conxunto da colectividade galega, que pola súa numerosa poboación chegou a formar a coñecida como “quinta provincia”.

A necesidade de ofrecer apoio e atención aos miles de emigrantes que chegaban desde Galicia, tanto no ámbito social como laboral e sanitario, forzou en 1907 a creación do Centro Galego de Bos Aires, que na década dos anos 40 do pasado século sumou a este labor a difusión da cultura e a historia de Galicia.

Para levar a cabo todas as súas actividades, os emigrantes galegos compraron por subscrición popular en 1917 o edificio que hoxe alberga o Centro Galego na capital Arxentina, cuxas instalacións acollen o maior patrimonio cultural, artístico e histórico da nosa emigración. Lastrado por unha gran débeda económica e intervido polo goberno arxentino, o Centro Galego de Bos Aires corre hoxe un grave risco de desaparición ante a súa posible venda, o que supoñería a perda dun símbolo identitario da Galicia universal.

Ante tal circunstancia, unha trintena de destacadas personalidades dos ámbitos social, cultural e académico redactaron en Rianxo, o pasado 29 de xaneiro, coincidindo co 132 aniversario do nacemento de Alfonso Rodríguez Castelao, un manifesto de apoio ao Centro Galego de Bos Aires e en defensa do legado que con moito esforzo e sacrificio deixáronnos varias xeracións de emigrantes.

O acordo aprobado no pleno de hoxe sinala que a  Deputación provincial de Ourense, consciente da importancia que na nosa historia ten a emigración –e que deixará plasmada para as actuais e futuras xeracións nun museo- quere sumarse a esta iniciativa que xa reuniu preto de 5.000 firmas de apoio para pedir ás autoridades galegas e españolas que se impliquen na salvación do patrimonio inmobiliario, artístico e cultural deste centro.

O manifesto pola defensa e porvir do Centro Galego de Bos Aires recolle que esta entidade emblemática da diáspora galega no mundo, que tivo na súa centenaria vida institucional unha actuación consecuente de defensa e promoción social, cultural e económica da Galicia territorial e da emigración porteña, hoxe require da cidadanía galega unha posición firme de defensa ante o perigo da súa desaparición.

Atendendo ao anterior, os galegos e galegas queremos facer un chamamento á sociedade e aos nosos representantes políticos (Xunta de Galicia, Parlamento Galego, Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, as Universidades Galegas e outras institucións e colectivos sociais e culturais de Galicia e da diáspora) co obxectivo de salientar a transcendental importancia que supón o feito de conservar unido todo o patrimonio inmobiliario, artístico e cultural que conforma o Centro Galego de Bos Aires.

Na defensa deste enorme acervo material e inmaterial común aos galegos e galegas de acó e acolá, queremos e debemos ser respectuosos coas leis arxentinas que protexen os seus bens artísticos e culturais, coa colectividade galega do mundo que conforma unha Galicia universal allea a lindeiros artificiais e, asemade, coas decisións soberanas das agrupacións do Centro Galego que traballan arreo na resolución deste conflito que compromete seriamente a prestación médica de calidade e o mantemento dos postos de traballo.

Do mesmo xeito, respectamos o noso sentir sobre a tradición mutualista, cultural, solidaria, galeguista e republicana que durante a longa noite do franquismo soubo manter acesa a luz da palabra, da razón, da democracia, da convivencia e da irmandade coa Terra Nai. Esa enorme tradición comunitaria de traballo, que brindamos á cultura do país de acollida, é enteiramente nosa, enteiramente galega, e maniféstase no patrimonio que queremos protexer e proxectar con fachenda cara ao futuro.

Por todo isto, os galegos e galegas demandamos da Xunta de Galicia e mesmo do Goberno Español –a través do Ministerio de Asuntos Exteriores– actuacións concretas diante do Goberno Arxentino encamiñadas a solucionar definitivamente o gravísimo problema polo que atravesa a centenaria institución. Reclamamos, en primeiro lugar, vontade política para preservar e garantir a atención médica de calidade dos actuais socios e socias e a protección do patrimonio artístico, documental, bibliográfico, editorial… e solicitamos esforzos para consensuar unha solución que impida a demolición e a especulación inmobiliaria dun predio que debe seguir sendo referente de Galicia en Bos Aires.

A simboloxía do edificio e a función sanitaria, social e cultural do actual Centro Galego ofrece moitas e moi variadas posibilidades para que a Galicia do século XXI siga sendo unha das identidades que conforman a capital porteña, a grande metrópole –como lle chamou Otero Pedrayo– que acolleu a milleiros de galegos e galegas, orgullo da nosa estirpe no mundo, símbolo histórico da galeguidade universal, corazón de Galicia e sangue nutricio da República Arxentina.

 

 

 

OUTROS ACORDOS

 

 

Ratificar o cambio de data da sesión ordinaria do Pleno do mes de marzo de 2018, prestando conformidade á súa celebración o venres, 23 de marzo de 2018.

 

PROXECTO DA ESTRADA A SAN VICENTE DE LEIRA

 

Acordo:

 

1º) Propoñerlle ao Consello da Xunta de Galicia que, previo o informe da Consellería de Territorio e Infraestruturas, se dite resolución no procedemento do proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira dende a estrada OU – 0807, promovido pola Deputación Provincial de Ourense, co seguinte contido:

 

  1. a) Desestimar as alegacións formuladas por Canteras Villamartín S.L. contra o proxecto de trazado, polos motivos seguintes:

– En primeiro lugar, e con respecto á presunta afección aos seus dereitos mineiros, porque a concesión mineira da interesada atópase caducada con data 23 de decembro de 2015.

– En segundo lugar, e con respecto á elección da opción 1 das contempladas no proxecto de trazado, a análise multicriterio contemplada no proxecto xustifica esta elección, polo que non é arbitraria nin inxustificada; debendo advertirse que a opción nº 5 non da plena satisfacción ao obxectivo de dar acceso aos veciños do pobo e ás empresas da zona (xa que, para conseguilo, esixiría completarse cun ensanche das rúas do pobo de San Vicente para posibilitar o tránsito de vehículos pesados ao seu través, tránsito que en todo caso non semella axeitado nunha zona residencial).

 

  1. b) Desestimar as alegacións formuladas por Pizarras Europeas Arias en canto a que as fincas da súa propiedade afectadas polo proxecto non foron correctamente valoradas no proxecto, polos seguinte motivos:

– A interesada non motiva a súa alegación, nin se indica que valor debería asignarse ás súas fincas.

– En todo caso, procede desestimar a alegación, dado que o obxecto das alegacións ao proxecto de trazado debe cinguirse á concepción global do trazado, conforme establece o artigo 50.3 do RLEG. No procedemento de expropiación a interesada poderá formular as alegacións e recursos que estime oportunos respecto da valoración das fincas. Procede, por tanto, desestimar esta alegación.

 

  1. c) Estimar parcialmente á alegación de dona María Esther Fernández López, na que se solicita que non se varíe o proxecto (entendendo que se refire á elección da opción 1) e que de producirse modificacións se lle informe e se sometan a información pública. Procede estimar parcialmente a alegación, na medida en que se mantén a opción 1 e se lle notificará a resolución que se adopte no procedemento; procede en cambio desestimar a súa petición de realizar un novo trámite de información pública en caso de variación do proxecto dado que (e ao marxe de que o proxecto non se varía) esta segunda información publica non está prevista no procedemento aplicable, sen prexuízo da posibilidade de interpoñer os recursos que procedan contra a resolución definitiva do expediente.

 

  1. d) Declarar aprobado o expediente de información pública e aprobar definitivamente o proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira dende a estrada OU – 0807 promovido pola Deputación Provincial de Ourense, conforme ao proxecto de trazado elaborado pola empresa G.O.C. Consultoría e Ingeniería e entregado na Deputación Provincial o 2 de xuño de 2017, coas observacións seguintes:

– Deberán terse en conta no proxecto construtivo as observacións e condicións importas nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de 23 de outubro de 2017 e da Confederación Hidrográfica Miño – Sil, de 18 de xaneiro de 2018, así como na avaliación de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 1 de xuño de 2016 e publicada no DOG nº 123 de 30 de xuño de 2016.

 

2º) Para os efectos previstos no artigo 55.4 do RLEG, faise constar que a urxencia da actuación (da que depende dar unha solución axeitada ao acceso ao núcleo de poboación de San Vicente de Leira, cuxa problemática se ven arrastrando dende hai máis de vinte anos) impide tramitar a súa incorporación no Plan director de estradas de Galicia, no plan sectorial de estradas da Deputación (que non existe ao día da data) ou no planeamento urbanístico municipal.

 

3º) Notificar o presente acordo aos interesados que formularon alegacións no expediente e ás administracións públicas afectadas ás que se requiriu informe, achegando coa dita notificación copia do informe técnico do Servizo de Vías e Obras e do informe xurídico de Secretaría Xeral, de conformidade co establecido nos artigos 21.4 da Lei de estradas de Galicia e 53.1 do Regulamento da Lei de estradas de Galicia.

 

VAL DA RABEDA

 

Acordo:

 

1º.- Demandar da Xunta de Galicia o desenvolvemento do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, aprobado en 2014, que inclúe o Campus Industrial de Paderne e o Parque Empresarial de Taboadela.

 

2º.- En calquera caso, as novas actuacións de solo empresarial estarán vinculadas á existencia de demanda e necesidade do mesmo, que se acreditará a través do Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial de Galicia, como no resto de novas actuacións de solo empresarial da Xunta.

 

PROTECCIÓN DE DATOS NAS ENTIDADES LOCAIS

 

Acordo:

 

1º.- Que a Deputación Provincial elabore de forma urxente un programa de cooperación no que se defina un sistema de cooperación e de prestación de servizos, ao que os concellos da provincia poidan acollerse, e que determine en que condicións e que servizos de cooperación prestará ás entidades locais de Ourense para a activación efectiva dos obrigados cambios en materia de protección de datos de carácter persoal.

 

2º.- Que a Deputación Provincial, unha vez implementados os obrigados cambios en materia de protección de datos de carácter persoal a través dese programa de cooperación, realice unha auditoría para determinar que as entidades locais de Ourense se adaptaron correctamente á nova regulación europea e, polo tanto, están a cumprir efectivamente coa lei vixente.

 

VIOLENCIA DE XÉNERO EN MATERIA DE IGUALDADE SALARIAL

 

Acordo:

 

1º.- Instar ao Goberno de España, ao Congreso e ao Senado para que desenvolva a Lei de Igualdade Salarial e introduza as modificacións lexislativas no Estatuto dos Traballadores que melloren a transparencia retributiva e promovan actuacións proactivas en materia de igualdade salarial.

 

2º.- Solicitar ao Goberno de España a ampliación das axudas para financiar plans de igualdade con respecto ao ano 2017, cando tivo un importe de 1.250.000 euros, así coma tomar as medidas oportunas para solventar a precarización do mercado laboral feminino.

 

3º.- Solicitar ao Goberno de España modificacións lexislativas que permitan avanzar en transparencia salarial e clasificación profesional, para incorporar a obriga do empregador de ofrecer aos traballadores e aos seus representantes información desagregada en función de xénero sobre retribucións.

 

CATÁLOGO DE LOCALIZACIÓNS PARA A INDUSTRIA AUDIOVISUAL

 

Acordo:

 

1º.- Elaborar un catálogo de localizacións na provincia de Ourense, tanto exteriores como interiores, para o sector audiovisual que inclúa, a modo de guía, todos os servizos e recursos necesarios para calquera produción (medios de transporte, aloxamento, restauración, tramitación de permisos, produtoras locais ou empresas de alugueiro de equipos ….) co asesoramento de profesionais do sector tanto en Ourense como en Galicia e España.

 

2º.- Tomando como base este catálogo, levar a cabo unha campaña de promoción de localizacións na provincia entre os profesionais de grupos de comunicación, produtoras e empresas vinculadas ao mundo do cine e da televisión, con atención ás compañías con experiencia en coproducións internacionais, organizando unha visita para dar a coñecer, a modo de exemplo, os principais espazos e localizacións para producións audiovisuais.

 

3º.- Incluír na ICC Week e no Festival de Cine Internacional de Ourense, nas súas edicións de 2019, senllos apartados dedicados á promoción da provincia nese ámbito.

 

4º.- Solicitar o apoio da Xunta de Galicia, a través do Centro Galego de Artes da Imaxe e do Ministerio de Cultura, para a difusión do catálogo.

 

PROXECTO DE ILUMINACIÓN EXTERIOR EN DISTINTOS CONCELLOS

 

Acordo:

 

1º.- Solicitar a participación da Deputación Provincial de Ourense, co proxecto denominado Renovación de instalacións de iluminación exterior en distintos concellos de Ourense (Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños, A Bola, Celanova, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea), no procedemento regulado no Real decreto 616/2017, do 16 de xuño, polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa operativo FEDER de crecemento sustentable 2014-2020 (BOE núm. 144 de data 17.06.2017), aceptando expresamente o procedemento e condicións alí previstas.

 

2º.- Aprobar expresamente o proxecto denominado Renovación de instalacións de iluminación exterior en distintos concellos de Ourense (Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños, A Bola, Celanova, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea), incluídas todas e cada unha das actuacións que compoñen o proxecto singular subvencionable así como a dotación orzamentaria para levala a cabo cun importe total de oitocentos corenta e cinco mil euros (845.000,00 €), IVE incluído.

 

3º.- Aprobar a memoria descritiva das actuacións para acometer (anexada ao acordo ou convenientemente identificada e referenciada).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar