Abel Caballero:“A nova estación do AVE será a obra máís importante de Vigo”

O alcalde presentou xunto ao director xeral de Immochan o proxecto para levar a cabo a nova estación do AVE en Urzaiz co deseño do prestixioso arquitecto Thom Mayne. “Estamos ante a obra máis importante da modernidade de Vigo”, sinalou Abel Caballero. A construción comezará previsiblemente en verán, ten un prazo de execución de 24 meses e xerará 900 empregos.

>O novo Centro Vialia de Urzaiz estará finalizado no ano 2020 e converterase na obra “máis importante da modernidade de Vigo”. Así o cualificou este martes o alcalde, Abel Caballero, durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación para presentar o proxecto da empresa Immochan para converter en realidade o deseño do arquitecto Thom Mayne na estación viguesa do AVE.

“Mereceu a pena esperar porque isto é excepcional, quero dicir á cidade que estamos iniciando a obra máis importante da modernidade de Vigo desde O Berbés, a Praza da Constitución, o Ensanche, Policarpo Sanz, García Barbón… por iso queríamos que fose unha peza arquitectónica que dure dous séculos”, sinalou nunha rolda de prensa que tamén definiu como histórica e na que estivo acompañado polo director xeral de Immochan, Manuel Teba.

O investimento da empresa será de 84 millóns e creará 1.500 empregos directos, 500 indirectos e, en fase de construción, outros 900 postos de traballo. Segundo as estimacións, a obra comezaría a inicios do vindeiro verán e ten un prazo de execución duns 24 meses, polo que estaría rematado no ano 2020.

“Queremos establecer relación con asociacións de comercio e cultura, queremos ser un actor activo na cidade, como exemplo haberá unha gran praza pública cuberta de 23.000 metros cadrados no acceso principal”, sinalou Manuel Teba.

Pola súa banda o rexedor vigués destacou o novo Centro Vialia como “un lugar de encontro que vai a permanecer durante os próximos séculos marcando a cidade”. Ademais, expresou o seu recoñecemento a Immochan e ADIF polo traballo feito e por respetar o deseño de Thom Mayne. “É unha xenialidade de Mayne, o deseño é un barco atracado, a proa do barco hacia Urzaiz, a antiga praza da Estación, e a ponte cun gran ollo transparente que penetra ata os andéns”, indicou.