A Xunta busca en Rusia novas canles de promoción no eido turístico

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, promove esta semana a oferta turística galega xeral e o Camiño de Santiago na XXV edición do certame turístico Moscow International Exhibition Travel & Tourism (MITT), que se celebra ata mañá na capital de Rusia, Moscova. Esta feira constitúe o evento sectorial de turismo máis importante dos que teñen lugar en Rusia e está aberta tanto aos profesionais como a público xeral.

Turismo de Galicia promove este ano o destino turístico Galicia cun módulo dentro do apartado destinado a España, coordinado pola Oficina de Turismo de España na capital rusa. Este departamento da Xunta participa nesta feira desde hai varios anos co obxecto de consolidar a presenza do destino Galicia en Rusia e abrir novas canles de colaboración con empresarios de turismo rusos e outros mercados satélites.

Mercado emerxente

Ao longo das últimas edicións da feira MITT, Turismo de Galicia puido comprobar un interese crecente polo destino Galicia, tanto entre o público xeral que acude á feira como entre os operadores turísticos rusos que programan viaxes a España.

Ademais da asistencia a esta feira, o departamento de Turismo da Xunta vén desenvolvendo nos últimos anos distintas accións de promoción dos recursos e os servizos turísticos galegos para este mercado emisor. Así, Turismo de Galicia organizou varias viaxes de prospección nas que participaron representantes dos principais operadores turísticos rusos adheridos á Asociación de Turoperadores Rusos (ATOR) que visitaron a Comunidade galega para coñecer a oferta turística de Galicia e manter xuntanzas de traballo cos empresarios turísticos galegos.

Por outra parte, Turismo de Galicia tamén estivo presente en misións de comercialización turística celebradas en Moscú e outras cidades rusas, ademais de manter presenza como destino turístico en distintos catálogos de viaxe dos operadores turísticos deste país.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar