Semana Escolar da Árbore da Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense organiza a cuarta edición da “Semana Escolar da Árbore e da Auga” para conmemorar os Días Mundiais da Árbore e da Auga que teñen lugar os días 21 e 22 de marzo. Esta actividade conta coa participación de 10.765 escolares inscritos. Para tal fin, o goberno provincial editou o libro-manual A invención do salgueiro en Ourensanía, dirixido a estudantes de primaria, do que é autor Xosé Antonio Perozo. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o autor do libro; e o director xeral de Viaqua, Julio Armando Masid.

O presidente da Deputación de Ourense explicou que a posta en marcha desta iniciativa cultural ten como obxectivo “divulgar entre os máis novos da nosa provincia, a importancia de preservar o noso medio ambiente, así como fomentar a concienciación medioambiental, unha temática que este ano adquire aínda máis forza despois da vaga de lumes que vivimos hai uns meses”.

Asemade, Manuel Baltar destacou a crecente acollida que ten esta actividade á que se unen cada vez máis centros de ensino chegando, nesta cuarta edición, “aos 100 centros de Educación Primaria inscritos da provincia de Ourense, nos que 849 docentes realizarán co seu alumnado as actividades propostas, desde hoxe ata o 23 de marzo”.

O libro-manual que a Deputación de Ourense editou nesta edición é A invención do salgueiro en Ourensanía adecuado aos cursos de primaria, e que nesta ocasión ten como árbore protagonista o salgueiro que, a través dunha historia de ficción que se desenvolve nos espazos naturais protexidos da provincia, pretende chamar a atención sobre as secas e os incendios educando na conciencia ambiental e na prevención e conservación da natureza, creada para que o alumnado goce e aprenda ao mesmo tempo.

Ademais do libro tamén se editou unha Guía do Profesorado que orientará aos docentes dos diferentes centros con actividades que redunden na concienciación medioambiental. A guía recolle propostas de actividades e pautas para utilizar os libros, que recibiron os alumnos inscritos e os seus profesores.

Xosé Antonio Perozo salientou a “extraordinaria aceptación que ten esta actividade, que na súa primeira edición contou con 8.000 alumnos inscritos, e que chega nesta cuarta edición aos preto de 11.000”, e explicou que tanto o libro como as actividades propostas aos profesores versan sobre dúas temáticas importantes: a seca e os incendios, para concienciar aos máis novos na importante de coidar, respectar e preservar o medio ambiente.

Pola súa parte, o director xeral de Viaqua, entidade colaboradora por segundo ano nesta iniciativa da Deputación, lembrou o lema deste ano do Día Mundial da Auga, “Desde a natureza para a Auga”, que nos recorda como facer fronte aos retos que temos (incendios, seca…) desde a propia natureza”.

Como conclusión desta Semana, o día 23 de marzo, ás 12.00 horas, os centros participantes procederán á plantación e bautizo dun pé de salgueiro, tamén remitido pola Deputación de Ourense a tódolos centros participantes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar