A Xunta informa dos apoios dirixidos ás pemes galegas para impulsar o emprego e a innovación

Na reunión, Toca destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou a principios de ano en materia laboral axudas por valor de 40 millóns de euros, ás que se sumarán proximamente os apoios para a formación para desempregados en centros homologados que contan cun orzamento que supera os 26,6 millóns de euros. O obxectivo de este mapa de axudas é, en palabras de Toca, que “Galicia siga creando emprego estable”.

Referiuse aos programas para autónomos, ás axudas por valor de 16 millóns de euros para facilitar o inicio da actividade a máis de 4000 traballadores por conta propia e para impulsar a contratación nas súas empresas. Así mesmo, sinalou os apoios do Aprol Economía Social para favorecer o emprendemento colectivo con 1,8 millóns de euros ou para fomentar a contratación en 700 pemes de base tecnolóxica, que contan cun orzamento de 6,9 millóns.

Toca, ademais, sinalou que un dos retos principais da Axenda 20 para o Emprego é que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, adaptando a cualificación dos traballadores ás necesidades que demanda o tecido produtivo. Neste senso, resaltou que a Xunta ten en marcha a formación para desempregados e ocupados que se imparte en centros homologados, así como as Unidades Formativas na Empresa, tamén dirixidas tanto a desocupados como a traballadores en activo. As primeiras convocatorias destes programas xa saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En conxunto, destínanse 6,35 millóns en 2018 para estas dúas iniciativas, a través das que se cualifica tanto a desempregados con formación á medida na propia empresa –que ten que comprometerse a un mínimo de contratación– como a traballadores de empresas de sectores estratéxicos. Para as unidades dirixidas a desempregados, o prazo de solicitude está activado ata o día 5 do próximo mes de abril, mentres que para a iniciativa destinada a ocupados para formar a 1500 traballadores en 500 empresas de sectores estratéxicos rematará o 2 de abril.

Formación para desempregados

En canto á cualificación que se imparte en centros homologados, apuntou que nas próximas semanas sairá publicado no DOG as axudas para impulsar a formación para desempregados (AFD) correspondentes á convocatoria 2018/2019, á que a Administración autonómica destinará 26,6 millóns de euros para cualificar a 8700 alumnos e alumnas a través de 580 cursos. Entre as novidades deste ano darase prioridade a especialidades vinculadas ao metal, naval e automoción, a docencia de formación profesional para o emprego e para as accións vinculadas coas competencias dixitais. Deste xeito, resérvase un 50% do presuposto para estas especialidades e para os cursos de competencia clave, que están dirixidos a aquelas persoas sen estudos básicos, e que, ao igual que na edición pasada, seguen tendo preferencia.

Na xuntanza, ademais, expuxéronse os servizos do Igape para impulsar na Comunidade galega a actividade empresarial, con liñas de apoios desde o nacemento dunha idea ata a decisión de crear unha compañía, e para a súa consolidación e posterior internacionalización. Neste contexto, puxéronse en valor programas como a segunda convocatoria do programa Galicia Rural Emprende para promover actividades empresariais non agrarias de autónomos, microempresas e pequenas empresas. O prazo para a presentación de solicitudes está aínda aberto ata o próximo 26 de marzo.

O Galicia Rural Emprende complementa o labor do programa Galicia Emprende, que durante os últimos anos facilitou a aprobación de máis de 300 proxectos emprendedores, e que en 2017 contou cun orzamento de 5 millóns de euros. Salientáronse tamén as axudas á dixitalización Industria 4.0 e os servizos de asesoramento do ReAcciona e ReAcciona TIC. Para impulsar novos investimentos no ámbito 4.0, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou tamén o novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs) –cofinanciados ao 80% polo Feder– que permitirá apoiar este ano arredor de 100 proxectos nos ámbitos da Industria 4.0, o emprendemento e a innovación.

En materia de innovación, presentouse o mapa de apoios da Axencia Galega de Innovación para 2018, que se centra en iniciativas encamiñadas principalmente a apoiar a I+D+i. Neste senso, destacan convocatorias como a Fábrica Intelixente, dirixida a apoiar proxectos de investigación e desenvolvemento no ámbito industrial para avanzar cara a implementación da Industria 4.0 ou a nova convocatoria de Conecta Peme, que apoia proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en materia de organización e procesos, en cooperación entre varias empresas, con participación de pemes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar