Feijóo inaugura a nova sede do Celta de Vigo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á nova sede do Real Club Celta como un chanzo máis na configuración dun Vigo que sempre se adianta ao futuro e que se fai a prol de todos, e grazas a un esforzo no que participa o conxunto de Galicia. “Nesta sede que hoxe inauguran os vigueses, danse a man o futuro e máis a historia. Estamos a falar dun chanzo arquitectónico máis na configuración dun Vigo que se fai a prol de todos e contra ninguén”, dixo, recordando tamén outras obras como o Álvaro Cunqueiro, a Cidade da Xustiza, a depuradora, a estación intermodal ou o desenvolvemento da ETEA.

Durante o acto de inauguración, Feijóo recordou que se Vigo é o que é -unha cidade líder no noroeste peninsular, que sempre se adianta ao futuro-, débese a que nela existen lugares de encontro como o Celta. “Sería difícil explicar unha traxectoria que se inicia en 1923 e se prolonga ininterrompidamente ata hoxe, se o club non fora ademais un lugar de encontro”, asegurou, incidindo en que o Celta convértese nun fogar común onde conviven vigueses de toda condición e convicción.

Nesta mesma liña, subliñou que resulta tamén moi significativo que este club fora resultado de sucesivas fusións de equipos menores que non dubidaron en unir forzas. “Afortunadamente, predominou o espírito unitario e a consecuencia é que o Celta de Vigo está na elite do fútbol europeo. O Celta une. Nace da xenerosidade de clubs pequenos que querían unha proxección maior”, sentenciou, ao que engadiu que ademais elixe un símbolo que o irmanda co resto de Galicia, a Cruz de Santiago.

“Unha sede no corazón de Vigo, un estadio en Balaídos e unha cidade deportiva en Mos. O Celta é de Vigo, da área metropolitana, de Galicia e de todos os afeccionados do mundo que gustan do bo fútbol”, aseverou, destacando a importancia de preservar estes lugares de encontro, nos que as diferencias sexan secundarias e haxa emocións comúns.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar