A Xunta coordena as oposicións de máis de cen prazas de policias locais

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) centralizará as oposicións de máis de 100 prazas de auxiliares de policía local. Posteriormente, realizarase a convocatoria de prazas para os postos de policía local, cuxa cifra se coñecerá a principios de abril, en tanto o prazo para este corpo segue aberto.

Así o precisou hoxe o vicepresidente durante a reunión da Comisión de Coordinación de Policías Locais, que deu o visto bo a esta convocatoria. Estas máis de 100 prazas de auxiliares correspóndense coas vacantes comunicadas por 24 concellos do total de 44 gobernos locais que xa se teñen adherido ao proceso de centralización de oposicións. O número total de concellos que se acollen a esta iniciativa podería incrementarse, tendo en conta que o prazo segue aberto.

A Xunta publicou en novembro un decreto para centralizar na AGASP as oposicións a auxiliares e policías locais dos concellos que así o decidisen voluntariamente. O obxectivo da iniciativa é favorecer a calidade dos procesos selectivos, asegurar a cobertura das prazas e acadar unha policía local cada vez máis especializada. Ademais, deste xeito centralízase o proceso selectivo na mesma academia onde se leva a cabo a formación deste corpo, e nas mesmas instalacións onde está centralizada a xestión das emerxencias.

En virtude deste convenio, os concellos foron solicitando desde principios de ano adherirse a este procedemento. Deste xeito, fóronse asinando os respectivos convenios de colaboración para delegar estas competencias na Xunta.
A partir de agora, o primeiro proceso de selección que se celebrará será o de auxiliares. A previsión é que o proceso estea rematado a finais de maio, para que os concellos poidan dispoñer dos auxiliares na tempada de verán. De acordo ao previsto no decreto, elaborarase e xestionarase por parte da AGASP unha listaxe de reserva para a contratación de auxiliares. Así, os concellos poderán solicitar á AGASP o chamamento da listaxe para cubrir de xeito inmediato as súas necesidades urxentes, sempre que se cumpran os requisitos legais establecidos na Lei de Coordinación de Policías.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar