Ourense:Folclore e cultura popular na revista “A Bugalla”

A Deputación de Ourense colabora coa publicación da terceira edición da revista “A Bugalla”, editada pola asociación “Queixumes dos Pinos” e que na se difunde o folclore e a cultura popular de Galicia en dous idiomas, en galego e en inglés. A presentación desta publicación tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o director do grupo “Queixumes dos Pinos”, José Antonio Viñas.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou que esta obra está consolidada como “un elemento transmisor do folclore e da nosa cultura máis popular e, na medida do posible, que ambos se vexan complementados co turismo”.

A publicación, que chega a 37 países diferentes pertencentes á Federación Internacional de Folclore, ten unha “gran dimensión cultural e da a coñecer espazos, tradicións culturais e formas de traballo dos ámbitos da música, do folclore e do idioma”, salientou Rosendo Fernández.

Pola súa parte, José Antonio Viñas dixo que a importancia desta publicación está na “cantidade de persoas, escritores e artistas, non só da nosa provincia senón tamén a nivel internacional, que cooperan cunha revista coa que pretendemos realzar a cultura popular galega, posta en escena da comparativa con culturas e folclores doutros países”.

O secretario xeral de Política Lingüística salientou que esta revista é “un proxecto divulgativo da nosa cultura e do noso folclore entendido nun sentido amplo, xa que non é habitual atopalo en Galicia nin en outra Comunidade Autónoma”, e explicou que a novidade que presenta “Queixumes dos Pinos” é “presentar o noso folclore como elemento divulgador e como elemento de atracción turística, para atraer a atención de países distantes do noso”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar