Vilagarcía:A Xunta avala cos empresarios iniciativas para crear emprego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, iniciou en Vilagarcía unha rolda de networkings que manterá por toda a xeografía galega para escoitar as propostas dos empresarios e expoñerlles as axudas e servizos cos que conta a Administración autonómica para apoiar o seu traballo. Deste xeito, destacou o mapa de apoios das diferentes áreas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, centrando a xuntanza nos ámbitos do emprendemento empresarial, emprego e comercio.

Deste xeito, a celebración desta xornada informativa permitiu ao conselleiro coñecer de primeira man as demandas dos asistentes, ao tempo que salientou que todos os apoios e servizos do departamento autonómico están encamiñados a fixar o tecido empresarial de Galicia, con especial atención nas zonas rurais.

En primeiro lugar, expuxo as axudas do Igape para impulsar na Comunidade galega a actividade empresarial, con liñas de apoios desde o nacemento dunha idea ata a decisión de crear unha compañía, e para a súa consolidación e posterior internacionalización. Neste contexto, salientou programas como a segunda convocatoria do programa Galicia Rural Emprende para promover actividades empresariais non agrarias de autónomos, microempresas e pequenas empresas. O prazo para a presentación de solicitudes está aínda aberto ata o próximo 26 de marzo.

O Galicia Rural Emprende complementa o labor do programa Galicia Emprende, que durante os últimos anos facilitou a aprobación de máis de 300 proxectos emprendedores, e que en 2017 contou cun orzamento de 5 millóns de euros. Segundo Conde, con estas iniciativas contribuíuse, conxuntamente, á revitalización e á incorporación de innovación ao tecido produtivo, da man de novos empresarios especialmente preparados e apoiados por instrumentos públicos e privados de formación, asesoramento e financiamento.

Coworking en Vilanova

Así mesmo, o conselleiro sinalou outros programas como a Unidade Galicia Emprende, para a orientación, avaliación e titorización de proxectos empresariais, ao tempo que expuxo as vantaxes da Rede de Aceleradoras da Xunta, que son unha porta aberta a novas oportunidades. Entre os diferentes programas que conforman esta Rede para impulsar o emprendemento puxo en valor os espazos coworking, promovidos pola Xunta e a Escola de Organización Industrial en oito municipios galegos, entre os que se atopa a localidade de Vilanova de Arousa. O coworking está centrado neste caso no sector alimentario e turístico.

O titular de Economía, ademais, salientou as axudas á dixitalización Industria 4.0 e os servizos de asesoramento do ReAcciona e ReAcciona TIC. Para impulsar novos investimentos no ámbito 4.0, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou tamén o novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs) –cofinanciados ao 80% polo Feder– que permitirá apoiar este ano arredor de 100 proxectos nos ámbitos da Industria 4.0, o emprendemento e a innovación.

Conde tamén puxo en valor a figura dos Concellos Emprendedores, dirixida ás administracións locais que se adhiran ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia, un acordo enmarcado dentro da nova Lei de implantación empresarial.

Unidades Formativas na Empresa

Con respecto ao ámbito do emprego, Conde referiuse aos programas de formación que ten en marcha a Xunta para adaptar os perfís dos profesionais ás demandas que está requirindo o novo modelo industrial. Neste senso, resaltou a formación para desempregados e ocupados que se imparte en centros homologados, así como as Unidades Formativas na Empresa, tamén dirixidas tanto a desocupados como a traballadores en activo. As primeiras convocatorias destes programas xa saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En conxunto, destínanse 6,35 millóns en 2018 para estas dúas iniciativas, a través das que se cualifica tanto a desempregados con formación á medida na propia empresa –que ten que comprometerse a un mínimo de contratación– como a traballadores de empresas de sectores estratéxicos. Para as unidades dirixidas a desempregados, o prazo de solicitude está activado ata o día 5 do próximo mes de abril, mentres que para a iniciativa destinada a ocupados para formar a 1500 traballadores en 500 empresas de sectores estratéxicos rematará o 2 de abril.

Por último, o conselleiro explicou que para o sector do comercio, a Xunta vén de poñer en marcha este ano diferentes programas de axudas, que suman preto de 4,5 millóns de euros, entre os que destacan apoios por máis de 3,1 millóns para dixitalización e modernización das empresas comerciais e artesanais; unha liña dedicada á expansión comercial e novas fórmulas de comercialización, cun orzamento dun millón de euros; e unha iniciativa dotada con 255.000 euros para fomentar a comercialización da artesanía e o impulso da actividade do sector.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar