O BNG inicia a campaña para as municipais de 2019

A voceira do BNG, Ana Pontón, pechou o acto político co que deu o inicio  á campaña de cara aos comicios de 2019 na provincia de Ourense, congregando a máis dun cento de responsables municipais baixo o aval da capacidade de transformación e de xestión dos gobernos nacionalistas, con Allariz no medio rural e Pontevedra no medio urbano como exemplos da “boa gobernanza do BNG, que mellora a vida das persoas”.

Francisco García e Miguel Anxo Fernández Lores como referentes para un BNG que soubo renovarse e fortalecerse, “ata ser unha organización política en alza que se presenta como a alternativa capaz de darlle a Ourense un futuro dende os concellos”.

“Quero aproveitar este acto para dicir que este novo BNG,  renovado e reforzado, é a alternativa para que Ourense recupere o pulso e a ilusión, este novo BNG é a  alternativa para darlle a esta cidade e a esta provincia un futuro mellor, porque temos un proxecto sólido capaz de mellorar a vida das persoas”, salientou a portavoz no acto celebrado no Centro Marcos Valcarcel.

“Demostramos que somos capaces de mellorar a vida das persoas en Allariz, e vémolo en todos e cada un dos concellos nos que gobernamos ou lideramos a acción de goberno,  desde Verín a Castrelo de Miño, desde Viana do Bolo, a Baños de Molgas, pasando pola Rúa ou A Mezquita”, salientou Pontón, “somos capaces de transformar os concellos en beneficio dos e das veciñas, e iso é o que queremos trasladar á cidade de Ourense e a toda a provincia”.

“Con traballo, con ilusión cun sorriso na boca, imos a por todas nas próximas eleccións municipais, porque Ourense merece un futuro mellor”, proclamou a dirixente do Bloque, “Allariz e Pontevedra non son un milagre, son o mellor exemplo de que o BNG ten un proxecto sólido, forte e capaz de facer avanzar Galiza”.

 

RENOVACIÓN XERACIONAL

 

 

Xunto á experiencia que representan rexedores como Francisco García ou Miguel Anxo Fernández Lores, Pontón fixo fincapé no relevo xeracional do BNG, “que ven pisando forte” como demostran a deputada Noa Presas, ou os responsables municipais da Rúa e Verín, María Albert e Diego Lourenzo, citando as súas intervencións no acto.

Igualmente,  fixo un recoñecemento expreso  aos rexedores da Mezquita, Castrelo de Miño, Baños de Molgas e Viana do Bolo, “que están demostrando nesta provincia que o BNG ten un proxecto sólido, que transforma e mellora a vida da súa veciñanza”, ao tempo que botan por terra a “falsa idea” de que Galicia non pode valerse por si mesma. “Pode, e demostrámolo desde os concellos”, subliñou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar