Continúa o terceiro Festival Internacional de Öpera “Cidade de Pontevedra”

Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa desenvolvendo a terceira edición do Festival Internacional de Ópera Cidade de Pontevedra no auditorio da súa sede de Pontevedra (Augusto González Besada, 2). O vindeiro 22 de marzo, ás 20.30 h, terá lugar a representación de Norma, de V. Bellini, coa interpretación da Orquestra e o Coro da Ópera Nacional de Moldavia. Os abonos para os dous días xa se esgotaron, pero as entradas aínda se poden adquirir na web ataquilla.com.

A acción transcorre na Galia, no século I a. C., e narra a historia da sacerdotisa Norma, á que dá vida a soprano Mariana Ortiz, quen, a pesar dos seus votos litúrxicos de castidade, mantén un romance secreto co gobernador romano Pollione, interpretado por Javier Agulló, co que ten dous fillos. Esta relación fai que Norma trate de acalar a rebelión contra Roma, esperando que se estableza a paz entre os dous pobos e así conservar o seu amado.

Porén, Pollione namórase de Adalgisa, outra sacerdotisa, circunstancia que provoca que Norma decida animar o seu pobo a atacar os romanos. Despois do ataque, Pollione ten que ser sacrificado aos deuses na honra da vitoria, a pesar de que el non quere abandonar o seu novo amor. Esta lealdade fai que Norma se inculpe a si mesma de traizón recapacitando sobre os seus actos, facendo así renacer o amor de Pollione, con quen finalmente sobe á fogueira.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar