8-M, cambio de etapa

O feminismo ten xa unha historia de éxito, conseguindo importantes avances democráticos e civís. Reivindicacións que hai só uns anos eran cualificadas de utópicas, aparecen agora como dereitos obvios que ninguén se atreve a rexeitar.

Nesta nova época, as mulleres van ser as grandes protagonistas dos cambios sociais. As mulleres como persoas e como movemento, ao tomar conciencia da súa opresión e da represión na que estiveron vivindo, “están cambiando nunhas décadas as coordenadas da milenaria inxustiza social”, como afirma Manuel Castells.

Si, o discurso pola igualdade e a liberdade da muller é revolucionario, altamente revolucionario, cunha carga social de cambio nunca vista antes. O triunfo do feminismo, será o triunfo dunha nova sociedade, pois vai modificar as regras de xogo do poder económico-político.

O feminismo é hoxe o principal inimigo que ten o sistema capitalista, pola súa fortaleza, pola súa afouteza, pola profundidade do cambio que propón.

Por iso tamén é un movemento político. Un movemento político de transformación revolucionaria que abrangue desde a economía, coas mulleres dobremente explotadas, ás relacións sociais e familiares, baseadas hoxe na súa condición dependente.

E tamén cultural, pois desenterrará vellos paradigmas e fará abrollar outros novos.

O feminismo tamén cuestiona as principais relixións monoteístas, que non só relegan o papel da muller a un lugar secundario e subordinado, senón que sacralizan a súa dominación polo sexo masculino.

Entramos nunha nova etapa. O que foi até de agora un avance lento, estase a acelerar. Non hai máis que ollar cara atrás. Hai só dúas xeracións que as mulleres non podían traballar fóra máis alá das 12 da noite, non lles estaba permitido abrir unha conta corrente, nin sacar o documento de conducir, nin mercar un coche ou outra propiedade…, sen o permiso do pai ou do marido. Estamos falando dos anos setenta do século pasado!

O feminismo ataca directamente ós principios sacrosantos da dereita e o seu status baseado na denominación de xénero e de clase… E aínda que  estean loitando polos dereitos básicos que se lles negan, esta nova vaga aféctalle ao poder puro e duro.

A vitoria do feminismo levará a modificación das regras de xogo pretendidamente democráticas. Pódese falar de democracia e igualdade cando máis do 50 % da poboación non ten os mesmos dereitos?

Que o machismo e o poder non nos engane: o feminismo non é a loita das mulleres contra os homes, senón a loita, principalmente das mulleres, contra un sistema que as oprime. O 8 de marzo do ano 2018, estudarase, non moi tarde, nos libros de historia. Antonte comezou unha nova etapa e, quen sabe se tamén unha nova época.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar