Carlos Casares recibe a título postumo a Medalla de Ouro da provincia de Ourense

 

 

O escritor e intelectual ourensán Carlos Casares foi recoñecido coa Medalla de Ouro da Provincia de Ourense, a título póstumo, o máximo galardón que concede a Deputación de Ourense. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, entregou o galardón aos fillos do escritor e a seu irmán, nun acto celebrado no Salón de Plenos do Pazo Provincial no día no que se conmemora o 16º cabodano do intelectual ourensán, falecido en 2002.

A concesión do galardón foi aprobada en sesión plenaria pola corporación provincial o pasado 24 de novembro de 2017, ditaminando conceder a Carlos Casares o dito recoñecemento. O expediente de honra, ao que deu lectura o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, sinala que se lle outorga esta distinción “como homenaxe e recoñecemento do noso pobo a toda unha longa traxectoria cultural e social marcada polo seu carácter conciliador que forxou na súa etapa máis ourensá”. Tamén destaca o expediente que as meritorias circunstancias persoais e profesionais que concorren en Carlos Casares “son determinantes para avaliar as calidades que honran a este persoeiro”, e é obrigado deber da Deputación “promover a exaltación dos fillos ilustres da provincia de Ourense que dedicaron a súa vida e as súas actividades a prol do noso desenvolvemento, tanto cultural, artístico, musical, social como económico”.

O acto, presidido por Manuel Baltar, contou coa presenza de familiares de Carlos Casares e de representantes dos ámbitos institucional, cultural e social, sendo a laudatio a cargo do escritor Luis González Tosar, e contando no apartado musical coa Coral de Ruada, que interpretou Ourense ao lonxe como apertura do acto e o Himno Oficial da Provincia de Ourense, Ourense no solpor, como peche. En nome da familia, Hakan Casares, fillo de escritor, agradeceu esta distinción que lle outorga a Deputación de Ourense á memoria do seu pai, e tivo tamén palabras de agradecemento para a cidadanía de Ourense, “que fai posible estes homenaxes”, lembrando así mesmo a importancia da tradición cultural da nosa provincia, “porque a cultura galega e Galicia         –dixo- non se entenden sen Ourense”.

“Escritor comprometido co seu país”

No seu discurso, o presidente da Deputación de Ourense definiu a Casares como “un escritor creador de linguaxe, comprometido co seu país”, engadindo que Casares non escatimou esforzos cando tivo que mediar para resolver conflitos. Fíxoo convencido e desde a razón, con sensatez, buscando solucións pactadas, chegando a consensos que permitisen avanzar na difícil tarefa de dotar a Galicia das institucións das que carecía”.

“Ese foi –afirmou Baltar- o gran mérito de Casares, asentar os alicerces da convivencia democrática, o que el, xunto con Ramón Piñeiro, consideraba mellor e máis útil, sen atender a provocacións ou delirios extremistas. Carlos non foi un intelectual diletante e vaidoso, con ansia de poder, aceptou responsabilidades para abrir camiños e ofrecer posibilidades, non para acaparar e exercer o dirixismo”.

Manuel Baltar destacou de Casares os valores que sempre defendeu “os cales cómpre recuperar mediante un diálogo fluído, flexibilizando rixideces moitas veces ridículas, ensinando a escoitar e a razoar, evitando coa forza da palabra conflitos irreparables”, e agradeceu á familia Casares-Berg e á  Fundación Carlos Casares, “a súa boa disposición e colaboración permanente co goberno provincial. Froito dese entendemento é a publicación, en forma de libro, do número monográfico que a revista Raigame lle dedicou, no seu día, a Casares, publicado pola Deputación de Ourense”.

“Para esta institución todos os anos serán anos de Carlos Casares. Velaí a súa forza. Por iso decidimos fixar a entrega da Medalla de Ouro da Provincia nunha data como a de hoxe -9 de marzo-, na que hai 16 anos nos deixou fisicamente quen permanecerá para sempre, grazas á súa personalidade, traxectoria e obra, na memoria colectiva dunha nación cultural como a nosa”, expresou Manuel Baltar.

Apoio ao Centro Galego de Bos Aires

O presidente da Deputación destacou no seu discurso o papel social e cultural da emigración ourensá e galega afirmando que “para continuar fortalecendo o compromiso desta institución coa nosa identidade e coa nosa condición de pobo emigrante, o grupo de goberno que encabezo presentará no próximo pleno desta corporación provincial a adhesión ao manifesto “Pola defensa e porvir do Centro Galego de Bos Aires”, publicado no xornal El Correo Gallego o pasado día 7 do corrente mes”.

Manuel Baltar considera que esta provincia, “sensibilizada desde sempre coa nosa diáspora, non pode permanecer allea á grave situación que atravesa a institución símbolo da galeguidade no mundo. Os ourensáns estamos hoxe co Centro Galego de Bos Aires, e faremos todo o posible para contribuír a unha solución digna”. “Nos podemos esquecer que esa centenaria mutualidade foi o motor que mantivo aceso o facho da democracia e da identidade de Galicia en momentos moi difíciles, que superamos xuntos”, dixo o presidente da Deputación, lembrando que o primeiro convidado ás Xornadas Patrióticas que o Centro Galego de Bos Aires organizou en 1945, foi Ramón Otero Pedrayo, e un dos últimos, en 1985, foi Carlos Casares. Entre unha e outra data, destacadas personalidades da Galicia territorial estreitaron, ano a ano, os vínculos con aquela Galicia Ideal, así denominada por Castelao”.

Rematou Baltar sinalando que co exemplo de Carlos Casares e coa lembranza dos milleiros de mulleres e homes desta terra -que co seu traballo axudaron a engrandecer a casa común de todos os galegos a máis de once mil quilómetros de distancia- encaramos ó futuro con confianza: cremos en Ourense e cremos en Galicia”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar