Santiago:Premio de creación audiovisual Xohana Torres

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiu o acto no que se deu a coñecer o fallo do II Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual e se presentaron as bases da terceira edición. Este galardón recuperouse o ano pasado con motivo do Día Internacional das Mulleres grazas a un convenio coa USC, mantendo a esencia pola que se creou e orientándoo á recuperación da memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela.

O acto foi conducido pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, quen quixo lembrar a poeta, falecida o ano pasado, coa lectura do seu poema “Sueiro”. Nesta edición de 2017 presentáronse dous traballos audiovisuais, Supergalegas, baixo o pseudónimo de María Pita, e Concha Castroviejo. Arelas de liberdade, baixo o pseudónimo de Flavio. O xurado acordou, por unanimidade, outorgar o premio Xohana Torres na modalidade de creación audiovisual á obra titulada Concha Castroviejo. Arelas de Liberdade, tendo en conta a calidade e guión do traballo, as entrevistas realizadas, a incorporación de datos biográficos que supoñen un recoñecemento histórico e, xa que logo, polos méritos creativos, técnicos e documentais que concorren na obra. O premio, que está dotado de 2.500 euros, é para os autores Aurora Marco e Pablo Ces.

Aurora Marco recoñeceu que “este traballo feito co meu fillo busca devolver a entrega das mulleres pola loita feminista”, ao mesmo tempo que definiu a Concha Castroviejo como unha muller con “moito talento”. Pablo Ces agradeceu ao Concello “pola convocatoria dun premio que é tan necesario como oportuno, porque o cambio que debe producirse facémolo entre todos e todas”.

Despois das súas intervencións deuse paso á proxección do trailer do traballo gañador. Pola súa banda, a asesora no ámbito de Estudantes, Cultura e Deporte da vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Marta Carballo, sinalou que o premio se enmarca na “intensa axenda feminista destas datas”, ao tempo que o reivindicou como clave para “a recuperación da voz das mulleres que escribiron a historia e foron silenciadas”.

Finalmente, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, definiu o documento audiovisual gañador como un “agasallo que reivindica a figura de Castroviejo e da cidade”. O alcalde fixo un percorrido por todas as accións realizadas polo concello en materia de igualdade de xénero e amosouse satisfeito por “poder acompañar dende a institución un movemento social que quere visibilizar as inxustizas e reivindicar o que é de xustiza”.

 

 

BASES 2018

 

 

Nesta edición 2018, ao igual que nas pasadas, ademais de estar dirixido a ensaios literarios ou científicos, mais tamén a traballos audiovisuais que teñan como finalidade explorar a historia social e política das mulleres compostelás, o premio ábrese á participación de calquera persoa de Galicia. Con estes obxectivos, que pasan por recoñecer, valorar e impulsar todo tipo de traballos científicos, literarios e audiovisuais que recuperen a historia social e política das mulleres compostelás, convócase a terceira edición do Premio Xohana Torres.

Os traballos que se presenten ao Premio tratarán da participación social e política das mulleres e terán como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. Poderán ser ensaios literarios ou científicos ou pezas audiovisuais e sempre se referirán a mulleres compostelás. O prazo de presentación comeza hoxe e remata o 31 de decembro.

 

 

XOHANA TORRES

 

Poeta, dramaturga e novelista, naceu en Santiago de Compostela en 1931. A súa infancia e mocidade transcorreron en Ferrol, onde foi alumna de Ricardo Carvalho Calero, con quen se inicia no coñecemento da literatura galega. Comezou a publicar poemas nas revistas Aturuxo, Vida Gallega e Vieiros, e no ano 1958, recibiu o primeiro Premio de Poesía da Asociación de Prensa de Vigo. A súa obra poética mereceu tamén o Premio da Crítica Española (1981).

Como dramaturga é autora das obras Á outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre río (1968), esta última Premio Castelao de Teatro. No ano 1971 publica a novela Adiós María, gañadora do Premio de Galicia do Centro Galego de Bos Aires. No ano 1992 foi galardoada co Premio á Creación Feminina, instituído pola Xunta de Galicia. Autora tamén de obras de literatura infantil e tradutora, Xohana Torres obtivo o Premio de Etnografía da Deputación da Coruña polo seu ensaio San Andrés de Lonxe, mitos e ritos e, no ano 1972, recibiu o Pedrón de Ouro polo seu continuado labor en prol de Galicia.

Como recoñecemento á súa obra, o 15 de febreiro de 2001 foi proposta polos académicos Salvador García Bodaño, Xosé Luis Méndez Ferrín e Xosé Luís Franco Grande para ocupar a vacante na Real Academia Galega que correspondera ata daquela a don Aquilino Iglesia Alvariño, logo do cal ingresou como académica numeraria o 27 de outubro de 2001 cun discurso titulado “Eu tamén navegar”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar