A Xunta defende a igualdade real no Día Internacional da Muller

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avoga pola unidade no Día Internacional da Muller porque a igualdade real, aseverou, “non a imos acadar indo uns contra outros senón indo todos contra o problema”.

Inspirado no alumnado que este ano fixo na escola o cartel do Día da Igualdade da Xunta, “pensando cada un do seu xeito, pero traballando uns cos outros”, o responsable do Executivo autonómico quixo insistir, durante a clausura da xornada Lidera. Avanzando en Igualdade, no espírito colectivo, na unidade de ideas e de esforzos e na vontade de avanzar a través do consenso, “porque creo que é a canle máis axeitada para todas as aspiracións femininas. Que son femininas, pero que tamén deben ser masculinas”, sentenciou.

“Eles marcáronnos un camiño de unidade para alcanzar ese día no que a discriminación ás mulleres deixe de ser unha realidade en moitos ámbitos. No que ningunha nena estea limitada para soñar con ser o que queira ser, nin para selo. No que ser nai non sexa un freo, senón un incentivo a todos os niveis. No que a presenza das mulleres no nivel máis alto de cada profesión sexa un feito normal e non unha estrañeza. E, sobre todo, ese día no que non teñamos que lamentar nin unha soa muller máis asasinada pola violencia machista”, abundou, ao que engadiu que ese día marcará un novo tempo histórico máis xusto e máis libre.

Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que as mulleres líderes que participaron nesta xornada son a mostra de que non andamos ningún camiño desde cero, de que as últimas décadas abriron o período máis frutífero da nosa historia tamén en liberdades e dereitos das mulleres. E de que a sociedade que xa somos reúne unha chea de valores positivos que merecen ser coñecidos e recoñecidos, porque neles se atopa o impulso necesario para seguir mellorando.

 

 

CONVERTER A IGUALDADE LEGAL EN REAL

 

Nesta liña, reiterou que a igualdade real non pode ser nunca unha trincheira, senón un obxectivo irrenunciable de todo o país; non pode inspirar o desacordo, senón o consenso; non é unha loita que as convoque a elas, senón a todos; e non é o patrimonio duns poucos senón o anhelo da maioría.

Se ben se teñen dado moitos pasos adiante, o presidente da Xunta salientou que outros aínda están por dar. E apostou por seguir traballando para converter a igualdade legal en igualdade real, palpable no día a día.

“Convócannos moitos retos” que nos invitan a estar unidos e unidas, dixo, referíndose á conciliación e a corresponsabilidade, “porque non pode ser que as mulleres accedan ao mercado laboral a expensas de levar todo o peso da familia ás costas, ou que este factor mine a súa liberdade para decidir”; á fenda laboral, que xa se está a reducir pero aínda está lonxe da igualdade total; ao acceso das mulleres a certos sectores nos que a súa presenza aínda é residual e á ruptura do denominado teito de cristal para que accedan a altos cargos; ou á lacra que supón a violencia machista, “que nos indigna e nos avergoña cada día”.

Para acadar todos estes obxectivos, Feijóo lembrou que a Xunta reforzou o seu apoio ás vítimas da violencia machista. Con máis medios económicos, logrando o maior investimento da nosa historia; pero tamén facendo colaboracións con todas as entidades que queiran implicarse na loita contra esta lacra e fomentando a inserción laboral das mulleres vítimas da violencia de xénero, unha iniciativa na que Galicia esta sendo pioneira.

“Tamén fixemos nos últimos anos un grande esforzo para facilitar a vida das nais e dos pais, non só situando as prazas públicas en escolas infantís por riba da ratio recomendada pola Unión Europea, senón tamén con recursos novos como as casas niño, o Bono Concilia ou o Bono Coidado. Aprobamos un Plan de emprego feminino, que mobilizou desde 2009 7 millóns e facilitou a creación de máis de 1.000 postos de emprego femininos. E tratamos de dar voz e recoñecemento público ás mulleres que destacan nas súas profesións ou emprenden, como facemos hoxe con esta xornada”, precisou.

Así mesmo, destacou que en Galicia hoxe existe xa unha materia de Igualdade de xénero na ESO, co obxectivo de inculcar aos máis novos todos estes valores, para que as vindeiras xeracións continúen a dar pasos cara adiante.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención facendo fincapé en que o traballo a prol da igualdade real “convócanos hoxe, mañá e os 365 días do ano”. E expresou o desexo de que unidos e concienciados, o día no que a voz das mulleres se escoite con plenitude na Historia escrita con maiúsculas estea cada vez máis preto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar