Foi no Antroido

Cavilaba eu, días pasados, falando nunha festa antroideira, que en tempos o Antroido era festa de reivindicación, de volver todo do revés, de falar berrando os que a cotío non tiñan voz, para darlles poder durante uns días aos que sempre tiñan por riba aos poderosos… unha festa libertaria, revolucionaria, brevísima válvula de escape dos oprimidos contra unha sociedad opresora.

Esto, tal como se planteaba en tempos, non tería sentido na actualidade, polo que hai que recoñecer que o carácter reivindicativo, de protesta, de rebelión do Antroido deixou de ter sentido, que as reivindicacións, protestas e rebelións fanse en calquera momento e lugar porque a liberdade non sabe de horario ou calendarios. Daí que a festa do Antroido sexa, agora, especialmente lúdica, humorística, disfrutadora, sen máis límite para a fondura do lecer ca o punto onde comeza o lecer do veciño.

Por iso chama a atención o escándalo armado en Santiago co pregón do Antroido –Santo Antroido se lle chegou a chamar a esta festa- na que o pregoeiro seica especulou cos atributos terreais do Señor Santiago, e unha posible relación incorrecta –nas alturas da santidade- coa Virxe do Pilar, que alterou cunha certa razón a estamentos relixiosos de Santiago e Zaragoza onde os dous persoeiros celestiais son padroeiros.

Iso fíxome lembrar unha comparsa de Begonte que, o sábado de Piñata, para xogar coa competencia entre as dúas localidades máis importantes do concello, Baamonde e Begonte, fixeron casar a dona Rosario de Baamonde con Don Pedro de Begonte, como proba de boa relación. Que a Virxe do Rosario sexa a padroeira de Baamonde e San Pedro de Begonte, para nada afectou ao público, disfrutando todos da comedia, como proba de que para pasalo ben non hai que mancar a ninguén.

Artistas hai que proclaman que a liberdade do creador está por riba de todos e de todo, fronte aos que opinan que co sagrado non hai por que meterse, que parece a postura máis xusta.O certo é que eu nunca oíra falar do protagonista do pregón e agora sae en todos os medios, a todos os niveis, co que tamén da que pensar, se é que vale a pena pensar en cousas efímeras do Antroido que caducan o Mércores de Cinza, e por iso non deberan deixar en ninguén un mal sabor de boca.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar