Estudo arqueolóxico da Cova dos Mouros, en Lugo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai investir 21.000 euros nunha intervención arqueolóxica na Cova dos Mouros (Baleira, Lugo) para afondar nos achados de pinturas rupestres neste xacemento. En concreto, as actuacións estarán destinadas a contextualizar cultural e cronoloxicamente as pinturas descubertas neste abrigo a través da realización de varias sondaxes arqueolóxicas coa finalidade de detectar evidencias de arte soterrada, así como recuperar restos de cultura material (cerámica, ferramentas en pedra…). Así mesmo, recolleranse mostras que permitan coñecer con maior exactitude a antigüidade destas manifestacións artísticas así como a natureza das actividades que se desenvolveron nesta pequena cavidade do oriente lugués.

En concreto, os traballos arqueolóxicos que se van realizar consisten en sondaxes en tres sectores da cova, e nun levantamento topográfico tridimensional xeorreferenciado de alta resolución do interior e da entrada da cavidade mediante as técnicas de láser escáner e fotogrametría terrestre. Ademais, realizarase unha prospección da contorna da Cova dos Mouros co fin de documentar posibles novas cavidades nas que puidesen existir restos de pinturas similares aos xa documentados.

A actuación será realizada polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela e dirixido polo Catedrático de Prehistoria Ramón Fábregas Valcarce. A escavación estará dirixida polo arqueólogo Carlos Rodríguez Rellán e contará cun equipo de asesores da propia Universidade de Santiago de Compostela, da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (Pontevedra) e da Universidade de Alcalá de Henares (Madrid).

Primeiros traballos

Cómpre lembrar que no 2017 localizáronse nesta cavidade restos de diferentes motivos pictóricos cuxa distribución parece ser preferentemente na entrada da cova e que alcanza toda a altura da súa parede norte. A día de hoxe hai localizados 11 paneis pictóricos, aínda que podería haber máis dada a presenza abundante de costras e depósitos que dificulta a súa identificación. En concreto, trátanse de motivos que tenden á esquematización, compostos por agrupacións paralelas de semicírculos, así como barras verticais e algunha representación antropomorfa, todas elas realizadas con pigmento vermello.

Co fin de identificar os achados, realizouse un estudo preliminar valorativo das ditas pinturas rupestres por parte dun equipo dirixido por Fernando Carrera Ramírez, profesor titular da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, e Ramón Fábregas Valcarce, catedrático de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela.

Ademais, pechouse a cova para evitar posibles agresións e danos ás ditas pinturas e instalouse un panel informativo para que todos os que se aproximen á Cova dos Mouros podan ter información sobre as pinturas alí conservadas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar