A revolución dos avós

A comezos dos anos setenta do século pasado, o Suso Viana e máis eu eramos uns revolucionarios de 15 ou 16 anos. Un día, discutindo cos nosos pais, xantando detrás da cociña da cantina de Trasouteiro, cando eles nos retrucaban que ía ser moito máis difícil ca pensabamos acabar co franquismo, a min non se me ocorreu outra que contestarlles:

– Cando vaian morrendo os vellos, xa gañaremos nós.

Desde aquelas, até o ano pasado que morreu con case 95 anos, o Xulio de Trasouteiro sempre se rexoubaba de min cada vez que me atopaba: “Que, Afonsiño, xa morreron moitos vellos e aínda non ganades…”.

Veume a mente este feito agora que os xubilados enchen as rúas protestando contra o Goberno. É a chamada terceira idade un elemento de cambio, polo menos en potencia? Están saíndo a rúa os votantes do PP, ou só son os que xa estaban concienciados? A onde van ir os sufraxios da masa de descontentos que sempre votou á dereita de xeito inalterábel?

Moitos deses avós e avoas xa foron os que loitaron contra o franquismo, teñen memoria e conciencia de clase, por iso son tan perigosos.

Pero a dereita tamén sabe que os descontentos sociais non se converten, automaticamente, en votos. Que os pensionistas non son un todo homoxéneos, senón que, entre eles, tamén hai clases.

Por iso o ministro Montoro anunciou que lles ía baixar a dedución do IRPF. Resulta que esa rebaixa só beneficiaría a un 20 % dos pensionistas, concretamente os das rendas máis altas, pois a maioría deles están exentos de realizar a declaración, ao non acadar o baremo estipulado, tan baixas son as súas pensións.

Era unha mensaxe para enganar a maioría, ou ía dirixido a toda unha clase social para deixar claro para quen están gobernando? Inclínome a pensar que falaba para o seu electorado cautivo, o que sempre sustentou a dereita desde as épocas de Franco.

– Pero se eses xa morreron rapaz, -diríame o Xulio de Trasouteiro se aínda vivise.

– Morreron as persoas, pero seguen vixentes as familias e as clases sociais, -contestaríalle eu agora, que sei algo máis da vida (non sei se tamén de política) ca antes.

Non fomos o Suso e máis eu os únicos en trabucarnos. Aínda non hai dous anos que aqueles que prometían non sei que estalido social que non só os ía levar a eles ao goberno, senón que ía derrubar ao mesmo Estado, criticaban aos maiores de 60 anos, por ser o freo que impedía nas urnas, pola súa aposta pola dereita, o triunfo das forzas redentoras.

Pero as mesmas mareas e confluencias da “nova política”, que se retiraron das rúas que agora ocupan os vellos, analízanos xa coma un elemento consubstancial do cambio.

Acabáramos!

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar