A Deputación de Ourense entregará a Medalla de Ouro a Carlos Casares a título postumo

A Deputación de Ourense entregará a Medalla de Ouro da Provincia, a título póstumo, coa que se distingue ao escritor Carlos Casares, un acto que estará presidido polo titular do goberno provincial, Manuel Baltar, e que terá lugar no Salón de Plenos do Pazo Provincial o vindeiro 9 de marzo, data na que se conmemora o 16º cabodano do intelectual ourensán, falecido en 2002.

O máximo recoñecemento que outorga a Deputación de Ourense foi aprobado en sesión plenaria pola corporación provincial o pasado 24 de novembro de 2017, ditaminando conceder a Carlos Casares o dito recoñecemento. O expediente de honra sinala que se lle outorga esta distinción “como homenaxe e recoñecemento do noso pobo a toda unha longa traxectoria cultural e social marcada polo seu carácter conciliador que forxou na súa etapa máis ourensá”. Tamén destaca o expediente que as meritorias circunstancias persoais e profesionais que concorren no escritor Carlos Casares “son determinantes para avaliar as calidades que honran a este persoeiro”, e é obrigado deber da Deputación promover a exaltación dos fillos ilustres da provincia de Ourense “que dedicaron a súa vida e as súas actividades a prol do noso desenvolvemento, tanto cultural, artístico, musical, social como económico”.

Manuel Baltar cualifica a Carlos Casares de “excelente embaixador da Ourensanía”, e afirma que Ourense “é un feito literario engrandecido polo seus escritores, como dixo Casares, quen universalizou o modo de narrar e abriu camiños á literatura galega”. Baltar salienta que para a provincia de Ourense “é un orgullo o labor creativo de fillos seus, como Carlos Casares, que fan país e fan Galicia”. O acto solemne do vindeiro do 9 de marzo contará coa presenza de familiares e amigos de Carlos Casares, e dunha ampla representación de persoeiros dos ámbitos institucional, cultural e social.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar