Galicia 24 Horas

Tellado: “O PPdeG creou emprego ao ritmo que o destruiron socialistas e nacionalistas”

 

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que “os gobernos do Partido Popular o único que non foron capaces de lograr en materia de emprego foi crealo ao mesmo ritmo que os socialistas e os nacionalistas o destruíron”. Asímesmo, manifestou que aínda que os partidos da oposición volverán intentar torturar os números para pintar un panorama catastrófico, a realidade é que os datos de emprego coñecidos esta mañá son “moi positivos”.

Celebrou que o paro continúe baixando en Galicia, sendo a segunda autonomía na que máis descende; que se creen postos de traballo e teñemos 25.000 afiliados máis á Seguridade Social ca hai un ano, a maior subida desde o inicio da crise; e que o emprego que se crea sexa de maior calidade, xa que medran os contratos indefinidos e a tempo completo, de xeito que tres de cada catro galegos teñen un contrato indefinido e case nove de cada dez traballadores traballan a xornada completa.

Malia que se trata de boas cifras, igual que os espectaculares datos de crecemento económico que coñeciamos onte, Tellado asegurou que non deben servir para ser conformistas, senón para animar a mellorar cada día, consolidar a recuperación e facer que a sintan todas as familias.

INSTITUCIÓNS POLA IGUALDADE

Na súa intervención, Tellado tamén afirmou que o PPdeG considera que o mellor xeito de celebrar o 8 de marzo é seguir traballando como cada día desde as institucións por unha igualdade real entre homes e mulleres. Así mesmo, anunciou que o seu partido sumarase ás homenaxes polo Día Internacional da Muller cun encontro denominado “As Mulleres Facendo Galicia”, que terá lugar esta sábado na Coruña e no que terán a oportunidade de escoitar a aquelas que son un exemplo e un referente para toda a nosa Comunidade e que sobresaen en diferentes ámbitos.

O secretario xeral puxo en valor o traballo realizado polos populares para reducir a fenda salarial, que en Galicia é máis baixa que no conxunto de España, e en España é máis baixa ca na media Europea; para que os salarios das mulleres medren, e na última década en Galicia medraron máis cós dos homes, sendo a segunda Comunidade na que máis o fixeron; así como para crear emprego feminino, e a taxa de desemprego é menor cá da media española caendo un 7% en 2017.

Conscientes de que non é suficiente, o número dous do PPdeG lembrou que desde o Goberno Galego estase a impulsar desde 2017 un Plan de Emprego Feminino, dotado con 100 millóns de euros e que vai enfocado a catro eixos fundamentais: fomentar a incorporación de mulleres ao mercado laboral, facilitar a súa incorporación a postos de dirección e que evolucionen cara a industria 4.0, apoiar a implantación de medidas de igualdade nas empresas e promover o emprendemento feminino.

Nese senso, Tellado recoñeceu que este é un traballo moito máis útil para as mulleres e para a sociedade no seu conxunto que promover unha folga que ten moito máis trasfondo político ca laboral e que conseguirá que este mes as mulleres que a secunden cobren menos cós seus compañeiros que fan o mesmo traballo e non están chamados a secundala. “Todas menos Ana Pontón, que seguirá cobrando o mesmo pese a faltar ao seu posto de traballo”, precisou.

Ademais, apuntou que desde PPdeG estiveron sempre convencidos de que a igualdade vai moito máis alá do eido laboral, por iso foron os primeiros en aprobar unha Lei de Igualdade, cun Goberno de Manuel Fraga. Neste momento Pontón xa era deputada, participou na ponencia da Lei no Parlamento e negouse a apoiala, tal e como recordou Tellado.

“Por moitas mentiras que queiran divulgar os partidos de esquerda e por moitas máis falsidades que quixeran inventar, hoxe a realidade en Galicia é que desde nas institucións gobernadas polo PP imos seguir perseguindo e denunciando calquera discriminación salarial e laboral por razón de sexo, as nosas políticas activas de emprego seguirán incentivando o emprego feminino, a fenda salarial é menor en Galicia que no conxunto de España e vaise acurtando, as políticas de igualdade en Galicia orixínanse e amplíanse con gobernos do PPdeG e hai máis orzamentos para igualdade e máis políticas de conciliación”, sentenciou.