Os Gardacostas requisan unha tonelada de peixe e marisco

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis dunha tonelada de peixe e marisco, 5.400 metros de aparellos de enmalle, 69 útiles de pesca e catro embarcacións en diversos controis realizados nos últimos días.

A ría de Corcubión foi a zona na que se rexistraron máis comisos. Alí os axentes requisaron máis de 431 quilos de distintas especies de peixe e marisco, 350 metros de artes de enmalle e catro embarcacións. O control máis relevante foi realizado en Lira. Nel os axentes aprehendéronse das catro embarcacións e de 420 quilos de ourizo. Este comiso realizouse debido a que as embarcacións estaban faenando nunha zona prohibida.

Ademais, na Costa da Morte desenvolvéronse outras actuacións que se saldaron coa aprehensión de máis de 136 quilos de diversas especies, 67 aparellos de pesca e 2.500 metros de artes de enmalle. O dispositivo máis importante fíxose na praia de Traba, en Laxe. Alí os axentes requisaron os aparellos de enmalle e 40 quilos de centola e 30 de raia.

Diversas zonas da Coruña tamén foron obxecto de inspeccións de gardacostas. Así, os axentes fixéronse con 150 quilos de ourizo en Mera e 43 quilos no Portiño. O ourizo comisouse debido a que carecía de identificación. Ademais, na ría de Ares tamén se comisaron outros 100 quilos de ourizo.

Os gardacostas tamén realizaron unha actuación na ría de Muros e Noia que resultou coa incautación dunha nasa sen identificar e co comiso dos máis de tres quilos de centola que contiña. Ademais, na enseada de Ferrol requisouse un palangrillo.

A ría de Vigo tamén foi escenario de distintos operativos nos que se requisaron arredor de 145 quilos de peixe e marisco e 600 metros de artes de enmalle. Un deles, realizado na zona de Tui, saldouse coa incautación de 60 quilos de polbo de talla antirregulamentaria, 43 quilos de robaliza e sete de percebe. Ademais, na ría de Pontevedra, concretamente en Marín, os gardacostas aprehendéronse de tres quilos de centola ovada, un de nécora, un de faneca e 500 metros de aparellos de enmalle.

Por outra banda, na ría Arousa, os gardacostas tamén realizaron distintos controis nos que requisaron 1.450 metros de artes de enmalle en Corrubedo, con máis de 15 quilos de polbo no porto de Aguiño, con case un quilo de ameixa na zona de Ancados e con máis doutro quilo de mestura de bivalvos en Barraña.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar