A TVG acadou en febreiro unha cota de pantalla do 10,8%

A Televisión de Galicia rematou o mes de febreiro cunha cota de pantalla do 10,8% no total do día, a quinta máis alta nos últimos 12 meses, e un 11,3% no prime time, dous datos positivos que reflicten a estabilidade da audiencia da canle autonómica galega nun contexto de máxima competencia.

​A TVG confirma así a súa tendencia ascendente dos últimos meses e mellora o moi bo dato co que rematou 2017 (10,4%). Comparando as audiencias no que levamos de ano e con respecto ás acumuladas do ano pasado, a TVG aumenta a súa cota nun 4,8%.

​Este incremento apóiase, como adoita ser habitual, na súa oferta informativa. A Galega continúa a ser a referencia na faixa de mediodía (13.30 – 15.30 h.), cun 20,5% de share. De luns a venres, a cota aumenta a un 21,6%. Os informativos que máis viron medrar a súa audiencia no mes de febreiro foron o “Telexornal Mediodía”, o “Galicia Noticias”, “A Revista” e o “Bos Días”.

​Por outro lado, a TVG actúa coma un dos principais motores de FORTA e supera o grupo de televisións autonómicas en 2,2 puntos, unha cifra que se incrementa ata os 2,7 puntos na faixa de maior consumo televisivo. Ademais, cómpre salientar que a Televisión de Galicia se fai co liderado no prime time dos xoves, en que o programa “Land Rober Tunai Show” segue a ser o programa máis visto semana tras semana.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar