Ourense:A embaixadora de Polonia visita a exposición “In tempore sueborum”

 

A embaixadora de Polonia en España, Marzenna Adamczyk, visitou, acompañada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a exposición In tempore sueborum, que organiza a institución provincial, unha mostra que xa superou os 21.000 visitantes, sendo a máis importante na historia da provincia de Ourense. A máxima representante do Goberno polaco en España mantivo ao longo da xornada unha axenda de traballo en Ourense xunto ao presidente do goberno provincial, na que abordaron temas do ámbito cultural, turístico, económico e empresarial, e participaron pola tarde nunha reunión no Pazo Provincial con empresarios e directivos da Confederación Empresarial de Ourense.

A embaixadora asinou tamén no Libro de Honra da Deputación, visitou a catedral de Ourense e coñeceu os aspectos técnicos e históricos de In tempore sueborum, mostra que exhibe unha peza de importante valor histórico-artístico: o caldeiro con bustos de suevos de Czarnòwko, procedente do Museo Leborku, de Polonia.

Manuel Baltar afirmou que a visita da diplomática polaca a Ourense “supón un gran impulso para a promoción internacional da exposición, cuxa excelente acollida levounos a ampliar as datas de apertura ao público dous meses máis, ata o vindeiro 6 de maio”. O presidente da Deputación agradeceu a colaboración institucional do Goberno de Polonia e das autoridades culturais daquel país “por permitir acoller unha peza de destacada relevancia na mostra e pola colaboración que están a demostrar na divulgación e promoción desta única e singular exposición sobre o mundo suevo”.

Pola súa banda, Marzenna Adamczyk cualificou a In tempore sueborum como “todo un acerto, porque esta iniciativa cultural da Deputación de Ourense achéganos información valiosa dunha época moi descoñecida que nos serve para decatarnos de que gran parte das nosas raíces están entre os suevos”. A embaixadora destacou que a peza que máis lle sorprendeu foi a anel de Alarico II, e asegurou que o proxecto científico e cultural que supón In tepore sueborum “é un verdadeiro tesouro que temos ao alcance de todos en Ourense”.

O éxito que está a acadar a mostra reflíctese nos datos de visitantes: a data de hoxe xa superou as 21.000 persoas nos tres espazos expositivos nos que se exhibe: o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal. Neste período foron máis de 3.500 persoas as que participaron nas visitas guiadas e ducias de centros escolares galegos. O maior número de visitantes e seguimento a través das redes sociais contabilízase en Galicia, Madrid, Cataluña e Castela e León, e no ámbito internacional os países máis destacados son Reino Unido e Portugal. A exposición multiplicou por catro as cifras de impacto do seu primeiro mes, acadando unha audiencia acumulada que supera os 4 millóns de persoas.

A mostra reúne por primeira vez pezas de 39 museos de 10 países ao redor do primeiro reino suevo de occidente, localizado no territorio da Gallaecia (411-585), do que Ourense formaba parte, amosando un total de 262 elementos procedentes de España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña. Os tres espazos expositivos da cidade de Ourense están organizados segundo as temáticas: o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” abrangue a deconstrución dos bárbaros; a Igrexa de Santa María Nai acolle o proceso de cristianización na Gallaecia da época sueva, e o Museo Municipal amosa o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar