O Plan de Banda Larga da Xunta e o operador R conectarán as redes de ata 350Mbps a 28 polígonos

O Plan de Banda Larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a outros 9 polígonos pontevedreses, acadando así un total de 28 superficies empresariais conectadas a redes ultrarrápidas este ano. Así o anunciaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e o secretario territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ramón Pereiro.

As actuacións do Plan comezaron en agosto 2016 e ao remate de 2017 había xa 19 polígonos da provincia con servizo de banda larga ultrarrápida. Unha vez completado o Plan, o 95% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100Mbps.

Ademais, como complemento a esta actuación, a Amtega abriu en 2017 unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural. Destináronse preto de 400.000 euros á subvencionar solucións específicas a máis de 30 empresas que agora dispoñen de velocidades de acceso a internet de entre 50Mbps e 350Mbps.

350Mbps e servizos R de valor engadido

As empresas dos polígonos beneficiados desta actuación do Plan poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Ademais, R pon a disposición das empresas dos polígonos a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción á man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.

Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.

E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON…), que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R

Prazos e orzamento

O Plan xa completou o despregamento en 51 polígonos da Comunidade e este ano chegará aos 30 restantes. Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs.

A Amtega subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Axudas para núcleos de poboación do rural

Tras as dúas primeiras actuacións orientadas a mellorar a conectividade no tecido empresarial, a Amtega puxo en marcha en xaneiro a terceira actuación para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas en zonas do rural que non contan con esta cobertura nin previsión de dispoñer destas redes.

Trátase dunha convocatoria de axudas a operadores, en fase de resolución, cun importe de 14,2 millóns de euros, dirixida a operadores de telecomunicacións para facilitar o acceso a internet de cando menos 100Mbps en núcleos de menos de 150 habitantes.

Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes. A convocatoria contempla subvención mínima de 20.000€ para cada un dos proxectos presentados ata esgotar a dotación orzamentaria prevista.

As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.

A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias xa en marcha e as que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA).

Listado de Polígonos da Pontevedra cubertos e previstos en 2018

CONCELLO
POLÍGONO
DATA COBERTURA
BUEU PARQUE EMPRESARIAL BUEU – CASTIÑEIRAS
Cuberto
CALDAS DE REIS POLIGONO INDUSTRIAL ARCOS DA CONDESA
Cuberto
CALDAS DE REIS ZONA INDUSTRIAL DE AS VEIGAS DE ALMORZAR
Cuberto
CALDAS DE REIS AREA EMPRESARIAL DE FORBESA
Cuberto
CAMBADOS/RIBADUMIA P.I. O SALNES
Cuberto
ESTRADA (A) PARQUE EMPRESARIAL DE A ESTRADA – TOEDO
Cuberto
GROVE (O) POLÍGONO DE PORTO MELOXO
Cuberto
MEIS POLÍGONO INDUSTRIAL DE AS COVAS
Cuberto
MEIS POLÍGONO INDUSTRIAL DE VILANOVIÑA
Cuberto
PONTE CALDELAS PARQUE EMPRESARIAL DE A REIGOSA E CENTRAL DE TRANSPORTES E PONTE CALDELAS
Cuberto
PONTEAREAS POLÍGONO INDUSTRIAL DE A LOMBA
Cuberto
PONTEVEDRA PARQUE EMPRESARIAL DE O CAMPIÑO
Cuberto
PORRIÑO (O) ÁREA DE NEGOCIOS OCEANIS
Cuberto
SILLEDA PARQUE EMPRESARIAL DE SILLEDA
Cuberto
TUI PARQUE EMPRESARIAL DE AREAS
Cuberto
VILA DE CRUCES POLÍGONO INDUSTRIAL O CAMBALLÓN
Cuberto
VILAGARCIA DE AROUSA PARQUE EMPRESARIAL DE O POUSADOIRO
Cuberto
VILAGARCIA DE AROUSA POLÍGONO INDUSTRIAL DE BAMIO
Cuberto
VILANOVA DE AROUSA PARQUE EMPRESARIAL DE VILANOVA DE AROUSA I (AREA LOXÍSTICA DE BAIÓN – RÍA DE AROUSA)
Cuberto
AGOLADA POLÍGONO INDUSTRIAL DE AGOLADA
Previsto 2018
CANGAS ÁREA INDUSTRIAL A PORTELA
Previsto 2018
CAÑIZA (A) POLÍGONO INDUSTRIAL DE RIBADIL
Previsto 2018
LALIN POLÍGONO INDUSTRIAL DE BOTOS
Previsto 2018
MEAÑO ÁREA INDUSTRIAL A PEDREIRA
Previsto 2018
MORAÑA POLÍGONO INDUSTRIAL DE AFIEIRAS
Previsto 2018
MORAÑA POLÍGONO INDUSTRIAL DE MIRALLOS
Previsto 2018
SALVATERRA DE MIÑO POLÍGONO INDUSTRIAL CHAN DA PONTE
Previsto 2018
VILANOVA DE AROUSA POLÍGONO INDUSTRIAL DE TREMOEDO
Previsto 2018

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar