Vigo:En marcha a ampliación do Instituto Feiral, IFEVI

 

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal e o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, acompañados do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitaron en Vigo as obras de ampliación que se están executando no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI), que se adxudicaron o pasado mes de novembro á empresa Constructora San José por preto de 3,25 millóns de euros.

Os responsables da Xunta puideron comprobar o ritmo ao que avanzan os traballos. Trátase dunha actuación que responde ao acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a AXI, dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. Grazas esta iniciativa, a superficie do recinto incrementarase en 5000 m2.

A empresa adxudicataria, a Constructora San José, conta desde o mes de novembro cun prazo de execución de 24 semanas, polo que se prevé que a actuación estea rematada para finais desta primavera. As escavacións previstas no proxecto xa están executadas ao 90% e a cimentación ao 80%.

As obras estanse a levar a cabo na parcela na que se sitúa o actual recinto feiral e noutra lindante con ela, duns 3.000 m2, que o Concello de Vigo puxo a disposición da Xunta de Galicia para poder levala a cabo. O proxecto, redactado polo arquitecto Pedro de la Puente Crespo, e aprobado mediante o procedemento recollido na Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, mantén a configuración actual das instalacións engadindo un pavillón anexo ao pavillón número 2, que contará cunha superficie de 5000 m2. Deste xeito, manterase o uso do pavillón xa existente, aproveitando a topografía da parcela, e o sistema estrutural e de acabados será o mesmo nos restantes pavillóns buscando a uniformidade do conxunto.

O edificio dotarase de todas as instalacións necesarias para o uso previsto: saneamento, fontanería, climatización, electricidade, iluminación, protección contra incendios, megafonía, datos ou telefonía, entre outros. Dentro das actuacións, tamén inclúese a urbanización da contorna, combinando zonas asfaltadas para o tránsito de vehículos e zonas de soleira e beirrarrúas, con áreas de vexetación natural.

Ifevi acolle importantes citas como Conxemar, que contou en 2017 con máis de 31.000 visitantes de 104 países de todo o mundo; ou Navalia, cuxa sétima edición está programada para 2018.

Estas melloras, cun orzamento final de 3.248.074,34 euros, permitirán abrir novas oportunidades de negocio, beneficiando así ao conxunto do tecido económico empresarial tanto da comarca como de Galicia, e a sectores estratéxicos como o pesqueiro, o conserveiro ou o naval. Calcúlase que a ampliación terá un impacto nos sectores hoteleiro e hosteleiro de Vigo de máis de dous millóns de euros ao ano.

As obras dan continuidade aos traballos xa realizados por parte da Xunta. Deste xeito, a Administración galega levará investidos ao redor de 15 millóns de euros desde 2005 na modernización e mellora do recinto feiral.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar