Un historiador conclúe que a aparición da arte románica en Galicia non foi uniforme

Un investigador da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares, Javier Castiñeiras López, acaba de presentar a súa tese de doutoramento, centrada nas particularidades do primeiro románico de Galicia, a través do estudo de dúas antigas catedrais galegas: San Martiño de Mondoñedo en Foz e San Bartolomé de Rebordáns en Tui. O autor, que é doutorando do Programa de Doutoramento en Estudos Medievais da Universidade de Santiago e bolseiro no Departamento de Historia da Arte da USC, titulou o seu traballo Espazos e imaxes no Reino de Galicia (1075-1112). Persistencias e reforma. Os directores da tese son os profesores Manuel Núñez e David Chao.

Este traballo aborda o fenómeno da aparición da arte románica no noroeste da Península Ibérica e a súa relación con toda unha serie de fenómenos sociopolíticos renovadores característicos da segunda metade do século XI e dos anos iniciais do século XII. De maneira especial, ao autor interésalle o sinal que a denominada reforma gregoriana impulsada dende Roma puido ter deixado no desenvolvemento da arquitectura e a escultura románicas do territorio galego.

Con este fin, o estudo toma como exemplos dúas das empresas artísticas relevantes do período como son as igrexas de San Martiño de Mondoñedo en Foz e a de San Bartolomé de Rebordáns en Tui. Estas dúas antigas sedes catedralicias son as que centran boa parte do traballo, aínda que o autor tamén tivo en conta os máis importantes monumentos románicos desta etapa histórica, dente Toulose a Jaca, pasando por San Isidoro de León e mesmo as fases iniciais da catedral de Santiago.

O investigador trataba de “dilucidar se as campañas artísticas de San Martiño de Mondoñedo e San Bartolomé de Rebordáns son un exemplo do que se veu dando en chamar unha arte reformada ou se, pola contra, estamos ante mostras dunha cultura conservadora e refractaria aos cambios”. Para dar resposta a esta cuestión, Javier Castiñeiras dividiu o seu proxecto en catro grandes bloques. No inicial desenvolve a tradición historiográfica sobre as relacións da arte románica coas reformas. No segundo analiza a espacialidade arquitectónica dos templos obxecto de estudo. No terceiro fai o mesmo coa escultura. E, finalmente, presenta as súas conclusións.

O investigador conclúe que “nas igrexas de San Martiño de Mondoñedo (Foz) e San Bartolomé de Rebordáns (Tui) desenvólvense uns discursos artísticos de fronteira, nos que non pode falarse dunha influencia directa da reforma impulsada dende Roma”. Por esta razón, o autor asegura que “o románico inicial de Galicia non debe entenderse como un único uniforme, xa que mentres que na catedral de Santiago se abrazaban os ventos renovadores no artístico e o político, nestas pequenas sedes constátanse procesos artísticos de persistencia fronte ás reformas e mesmo de resistencia activa aos cambios do momento”.

A modo de exemplo desta realidade, o investigador Javier Castiñeiras indica que “resulta paradigmático o chamado antipendio (frontal do altar) de Mondoñedo, unha peza excepcional cuxo desenvolvemento escultórico oscila entre o románico e o altomedieval e que, ademais, contén elementos esencialmente hispánicos e, polo tanto, posiblemente contrarios á reforma”.

Así, neste traballo deféndese a idea de que en ámbalas dúas igrexas existe unha porcentaxe o suficientemente elevada de elementos vencellados coa tradición anterior que fan difícil que se poida falar de discursos artísticos da reforma gregoriana. Demóstrase entón a convivencia de linguaxes arquitectónicas e figurativas nunha Galicia a finais do século XI que podería definirse como unha “cultura artística de transición”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar