España está afónica

OS intentos de dotar de letra a Marcha de Granaderos, convertida no Himno Español, non son nada novos, senón que, casualmente, coinciden coas «ondas españolistas».

No 1906, o xornalista Alfredo Calderón, escribía que «España está afónica» e cualificaba a Marcha Real como «antipática melopea: chinda, tachinda, chinda…», sen saber que, un século despois, esa sería a letra máis cantada.

Nese ano de 1906 producíase a Revolta Catalá, sendo publicada a Lei de Xurisdicións, que castigaba, por primeira vez, as ofensas ós símbolos nacionais.

A tramitación desta lei foi todo menos tranquila e, se ninguén puxo en cuestión a bandeira roxa e amarela, si que existiron moitas reservas a respecto do himno, pois a Marcha Real «seguía sen despertar acordos rotundos dentro do españolismo». Daquelas, xa reclamaban «un verdadeiro himno patriótico e popular», segundo afirman os historiadores Núñez Seixas e Javier Moreno no libro Los colores de la Patria.

Deles tomo os datos para elaborar este artigo e esta frase: «Sen letra e ligado á monarquía, sospeitosa de ser estranxeira, nunca chegou a ser un verdadeiro himno nacional, pero servía para acompañante moi digno para realzar as grandes ocasións».

Si, a Marcha Real naceu imposta no século XIX como himno oficial, con poucas posibilidades de callar como himno de consenso e foi boicoteada con igual intensidade pola esquerda e pola dereita.

Os Borbóns bloquearan a oficialización do Himno de Riego polas súas connotacións esquerdistas, como na Franza fixeran coa Marsellesa, pero non conseguiron que a Marcha de Granaderos xuntase popularidade e consenso, pois a maior parte do país non se sentía representada por un himno imposto desde arriba.

O primeiro encargo oficial para pórlle letra, e así popularizalo, chegou coa ditadura de Primo de Ribera, en plena vaga españolista. Alfonso XIII encargoulle a letra ao escritor Eduardo Marquina, pero o texto non lles gustou aos conservadores pola falta de referencias relixiosas, así que o rei renegou del e pediulle unha nova letra a José María Pemán.

Despois da paréntese da II República, o franquismo só fixo aumentar a confusión sobre o himno, xa que, na práctica, o Cara al Sol impúxose como o himno oficial nos actos públicos e nas escolas.

Como non chegou a popularizarse a letra de Pemán apareceron novas versións como a de Zacarías de Vizcarra. Tamén o intentaria logo Xosé María Aznar, e debateuse no Parlamento… Pero nada de nada: seguiu o «chinda, taratachinda…».

Poida que, como afirman Núñez Seixas e Javier Páramo, «o himno sexa incantábel».

Pero como estamos nunha nova vaga de españolismo, o que ninguén foi capaz de popularizar, se cadra lógrao Marta Sánchez.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar