Santiago celebrou o Día de Rosalía

Santiago acolleu  os primeiros actos do Día de Rosalía cunha ofrenda floral na Alameda. O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra, foron os encargados de colocar a coroa de loureiro diante da estatua de Rosalía.

A continuación, no Hostal dos Reis Católicos celebrouse un acto institucional onde se recordou e recitou a Rosalía na capela onde hai 181 anos fora bautizada. Estas foron as persoas que participaron no acto e as súas  lecturas:

Branca Novoneyra, Concelleira de Cultura: “Fermoso campo de Cornes”

Mercedes Espiño: ”Lieders”

Valentín García, SXPL: “Eu cantar, cantar, cantei”

Kathleen March da Asoc Int de Estudos Galegos “Tecín soia a miña tea”

Luis Matos, AV Doutor Maceira Conxo: El primer loco, “Ódiote campo fresco”

Mila Piñeiro (A Pimenteira): “Herbón”

Alfonso Cabaleiro (Galicia Calidade):

Marilar Aleixandre (RAG): Fragmento de “Las literatas”

Goretti Sanmartín: Fragmento do prólogo de “En las Orillas del Sar”

 

A continuación, o Trío Rosalía integrado por Mª José Ladra, mezzosoprano; Juan Pérez Berná óboe-corno ingles, e Margarita Viso, piano, ofreceu un pequeno repertorio de pezas musicais baseadas en textos de Rosalía.

O acto continuou coas lecturas do alcalde de Mazaricos, Xoán Xosé Blanco Riveiro (“Has de cantar”); e o alcalde de Celanova, Xosé Luís Ferro (“A Rosalía”, de Curros). De seguido, mozas e mozos da Fundación Pondal representaron un breve fragmento dunha obra onde Pondal conversa con Rosalía; e xa chegando ao remate, representantes dos concellos de Padrón, Brión, Ames e Santiago deron lectura ao poema do ‘Caldo de Gloria’. Pechou o acto o presidente parlamento, Miguel Santalices recitando o poema “Cantarte hei Galicia”.

Unha vez finalizado o acto, os gaiteiros ‘Carapaus’ tocaron unha alborada e serviuse entre os asistentes un Caldo de Gloria, como aperitivo das celebracións que continuarán pola tarde na Casa-Museo de Rosalía en Padrón, onde o encargado de preparar o Caldo de Gloria na será o cociñeiro Pepe Solla, do Grupo Nove, posuidor dunha estrela Michelin no seu restaurante de Poio, Casa Solla. Sendo como é un dos principais representantes da nova cociña galega, Solla elaborará un Caldo de Gloria do século XXI. Canda el estarán facendo os bolos do pote tres das mulleres responsables da Festa do Bolo do Pote de Mazaricos: Laura Prado,  Esther Muíño e María García Tuñas.

Desta volta a iniciativa prosegue coa súa expansión polo país, congregando a máis de 130 restaurantes coa participación, unha vez máis, de practicamente todos os locais da hostalería de Padrón (19), de Celanova (50) ou de Ferreira do Valadouro (12), xunto con moitos outros por todo o país. Tamén se unen a esta proposta, apadriñada por Galicia Calidade, varios colexios que incorporaron onte o caldo ao menú escolar, ou o propio El Corte Inglés, ademais de concellos como Ames, Teo, Padrón, Brión, Santiago de Compostela, Celanova ou Ponteceso. Poderá consultarse a listaxe de participantes na web da Fundación (www.rosalia.gal), ademais das instruccións para facer o caldo e participar na iniciativa, alén de descargar os distintos materiais, como folletos, manteis ou carteis.

O obxectivo da Fundación Rosalía con esta iniciativa é que toda Galicia celebre a Rosalía a partir do seu poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia protagonizada por unha muller. Queremos que en lugares públicos, coma os comedores escolares ou os locais de hostalería, ou tamén no ambiente familiar e íntimo, Galicia se lembre de Rosalía a través da nosa gastronomía popular e das leccións que nos dá a protagonista do poema: como sobrevivir e mesmo ser feliz a pesar da penuria e das adversidades. O caldo que se vai describindo ao longo do poema cos seus ingredientes (auga, sal, unto, verzas) e que incorpora o “bolo do pote”, responde ao que Picadillo, de quen celebramos o centenario, defendía en 1905 como caldo galego enxebre.

 

O que se pretende é que Galicia lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este caldo dos humildes, o desta muller que nos representa a todos, coma Rosalía. Sería unha maneira de celebrar en Galicia e no mundo o que nos une: a nosa cultura gastronómica popular e unha referencia galega e universal como é Rosalía. Iso si, acompañándoo coa lectura de poemas rosalianos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar