Encontro en Vigo: Manuela Carmena e Abel Caballero



Alcalde de Vigo e alcaldesa de Madrid mantiveron unha reunión, na primeira ocasión en que un rexedor da capital visita oficialmente o Concello de Vigo. Caballero e Carmena amosaron o seu acordo en esixir ao Ministerio de Facenda que permita ás cidades reinvestir o seu aforro sen limitacións.

O tamén presidente da FEMP recibiu este venres a primeira visita oficial dun alcalde ou alcaldesa de Madrid ao Concello de Vigo. Despois da sinatura no libro de honra municipal, Abel Caballero e Manuela Carmena mantiveron unha entrevista na que ambos se mostraron de acordo en esixir do Ministerio de Facenda que permita ás cidades reinvestir sen limitacións o seu aforro.

En declaracións aos medios, o alcalde de Vigo amosou a súa «satisfacción» por unha entrevista «moi cordial» nun momento «tan importante» para os concellos de España, no que se deben tomar decisións «urxentes e inaprazables» sobre o finanzamento das entidades locais.

Nunha reunión que se celebrará na tarde do luns, Abel Caballero reiterará ao ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, a necesidade de que os concellos poidan investir o superávit do pasado ano en favor dos seus habitantes. O alcalde de Vigo agarda unha resolución inmediata da cuestión e mantén a reunión convocada para o día seguinte con aproximadamente 300 alcaldes e presidentes de deputacións para valorar o resultado da entrevista.

A este respecto, Manuela Carmena coincidiu co alcalde vigués na solicitude, rexeitando o «absurdo» de que as cidades -que ademais rebaixaron a súa débeda no 2017- non poidan gastar o seu propio aforro. «É enormemente pouco exemplificador que se castigue a boa administración», argumentou a alcaldesa, sendo os concellos ademais «a primeira opción» para a cidadanía na súa relación coa administración pública. A alcaldesa de Madrid púxose a disposición do presidente da FEMP na súa reclamación ante o ministro de Facenda e anunciou que interromperá o pleno ordinario municipal do martes para asistir á reunión convocada por Caballero.

O alcalde de Vigo insistiu na necesidade de que o Goberno de España recoñeza o papel das Entidades Locais no cumprimento dos obxectivos de España ante Europa, pois no 2017 colleitaron superávit, reduciron a débeda e cumpriron co teito de gasto establecido. «O tempo esgótase e a nosa paciencia tamén», apuntou Caballero, quen engadiu que tamén é preciso eliminar o criterio da sostibilidade no gasto. A alcaldesa de Madrir apoiou a reivindicación e censurou que Facenda non permita adicar fondos, por exemplo, a amoblar escolas infantís.

Tamén relacionado co financiamento das Entidades Locais, Abel Caballero demandou un cambio do «perverso» sistema de teito de gasto actual, que debe ser resolto para este mesmo ano. En paralelo, o presidente da FEMP tamén esixiu que se aborde o financiamento dos concellos en paralelo ao das Comunidades Autónomas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar