Santiago:Aprobados os orzamentos municipais que ascenden a 110 millóns

O Pleno da Corporación ratificou este mércores, en sesión extraordinaria, os orzamentos de 2018, que quedaron aprobados tras o rexeitamento das alegacións presentadas pola CIG durante o período de exposición pública. As contas, que ascenden a 110 millóns de euros, foron aprobadas cos votos favorables de Compostela Aberta e as abstencións do PSOE e BNG. O Partido Popular votou en contra.

A sesión comezou coa intervención de Xabier Picón, representante dos traballadores, quen defendeu as alegacións presentadas e solicitou a creación dun novo regulamento sobre a carreira profesional. Pola súa banda a concelleira de Facenda, María Rozas, asegurou que «a pesar da lexitimidade das centrais sindicais nas súas reivindicacións, non se poden aceptar estas alegacións porque existen informes técnicos que o impiden ao non entrar dentro dos supostos taxados». En relación á carreira profesional lembrou que «cando regulemos a avaliación ao desempeño seremos o primeiro concello de Galicia en facelo».

As contas aprobadas hoxe inclúen un incremento no capítulo de gastos en todas as áreas agás a destinada ao pago de débeda bancaria, «froito da boa saúde económica, e do esforzo realizado nos anos anteriores, que permiten ter unhas contas saldadas». Así, pódense destinar a servizos públicos os créditos que en anos anteriores se tiñan que gastar en pago de débedas. O capítulo de débedas (capítulo 9) redúcese un 26,73% e en xuros un 44,26%.

Catro eixes
O orzamento de 2018 ten catro eixos principais, que pasan polas Políticas Sociais e o Emprego, a continuidade na aposta polo mantemento e o reequilibrio territorial, as políticas de acción cultural e a Compostela verde.

Na área de Políticas Sociais «existe un incremento dun 26%» no que se inclúe o Servizo de Axuda do Fogar, o incremento das bolsas de comedor e actividades extraescolares ata os 600.000 euros, así como obradoiros de emprego destinados a mocidade. Estes supoñen un incremento do 60% da área de Emprego, acadando case os 3 millóns de euros.

No documento aprobado hoxe inclúese tamén unha aposta por facer de Santiago unha cidade máis verde e sustentable. Por iso se incorporan como investimentos a reposición do alumeado público por un importe de 150.000 euros, a ampliación das illas de compostaxe por 97.000 euros ou a continuación dos programas de emprego na contorna do Sar para a ampliación das sendas verdes.

Tamén se fai unha aposta pola cultural, co orzamento máis elevado da serie histórica e cun incremento das subvencións competitivas. Inclúese aquí un convenio co Multiúsos do Sar para a promoción de 2 ou 3 eventos musicais potentes ao longo do ano.

Aposta polos barrios
Este ano será o da obra pública en Compostela, cunha aposta polos barrios e as parroquias do noso municipio. Así, increméntase o capítulo de investimentos ata o 3%, situándose nos 10.330.000 euros.

Dentro desta partida destaca a accesibilidade, a mellora das instalacións existentes ou o «Plan Vite», que permitirá actuar na rúa Federico García Lorca grazas aos case 600.000 euros consignados para a primeira fase deste plan. A previsión é continuar investindo no barrio nos vindeiros anos ata chegar aos 2.260.000 euros de orzamento.

Ademais deste incorpórase no orzamento un programa de mellora de accesibilidade da vivenda complementario aos existentes nas ARIS. cunha dotación orzamentaria de 200.000 €. As familias con menos recursos poderán facer así fronte á parte que lles corresponde da instalación de ascensores nas súas vivendas.

Entre os investimentos en todo o municipio destacan a pista de skate na praza da Constitución (393.543 €), o acondicionamento do campo de fútbol de Santa Isabel (524.300 €), a mellora da accesibilidade en Triacastela (409.745 €), as beirarrúas na rúa do Tambre (318.759 €), o aparcadoiro da rúa Altiboia (200.000 €) ou o Smartiago (460.250 €).

No relativo ao rural existe un incremento en comparación co ano anterior dun 28% destinando, por terceiro ano consecutivo, todos os fondos que reciben do Plan da Deputación para o rural. Ademais incorporaranse obras financiadas con recursos propios e varios contratos de mantemento para rozas e pistas, tanto do rural como dos montes. Inclúense 310.000 euros para as cubertas de pistas deportivas e de pádel en Figueiras, 128.000 euros para a cuberta da pista polideportiva de Verdía ou 267.000 para a segunda fase da ampliación da ponte na Cañoteira e outeiro de Marrozos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar