O ano turístico comeza en Galicia con mellores datos da última década

 Despois de rematar un 2017 histórico, o turismo comeza o ano en Galicia cos mellores datos da última década. O sector mellorou en todas as variables segundo amosan os primeiros datos de 2018 publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Estes confirman que a Comunidade afianza o seu proceso de desestacionalización, cunha suba do 5,4% na cifra de noites hoteleiras, ata preto das 300.000, e do 1,4% na de viaxeiros aloxados, os mellores datos da última década.

É o cuarto ano consecutivo no que os turistas medran en xaneiro en Galicia e, ademais, permaneceron máis tempo na Comunidade, pois a estadía media subiu un 4% mentres que no conxunto do Estado descendeu un 1,6%, consolidando a converxencia coa media. De igual maneira, a ocupación aumentou en xaneiro 1,84 puntos porcentuais e, no caso das fins de semana, este crecemento foi aínda máis intenso, cun aumento de 2,75 puntos.

O turismo internacional acadou o seu peso máis elevado no primeiro mes do ano grazas a unha subida do 9,3% da demanda hoteleira, referendada cunha alza do 4,8% nos viaxeiros. Pola súa banda, o turista nacional, que medrou un 4,5%, realizou un 11% máis de noites.

As tarifas hoteleiras e os niveis de rendibilidade do sector (medidos a través do RevPAR, o ingreso medio por habitación dispoñible) tamén evolucionaron positivamente nese período.

Diálogo e traballo co sector

Os datos confirman unha vez máis que a liña de traballo seguida polo sector privado e a Administración autonómica está a dar os seus froitos. A piques de cumprir o seu primeiro ano de aplicación, a Estratexia do turismo de Galicia 2020 segue acadando obxectivos e avanzando en distintos eidos, como expuxo a pasada semana Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, nunha comparecencia a petición propia no Parlamento de Galicia.

Precisamente o mes de xaneiro marcou o punto de partida da programación turística para este 2018, coa presentación na Feira Internacional de Turismo Fitur dos novos produtos e iniciativas impulsados pola Xunta. Entre eles, destacan Escenarios ao volante, Club da auga, Ruta dos faros ou Galicia Surfing, que apostan por un turismo sustentable e de calidade que busca revalorizar e aproveitar os mellores recursos do seu patrimonio natural e cultural.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar