A Xunta apoia o proxecto ‘Escape for reality’ para crear unha rede xuvenil que afronte os dereitos humanos

Este proxecto de aprendizaxe, apoiado pola Dirección Xeral de Xuventude e impulsado pola asociación xuvenil Arousa Moza, reunirá ata o 24 de febreiro en Galicia a representantes de España, Polonia, Romanía, Malta, Grecia, Letonia, Alemaña e Italia que aprenderán a utilizar as técnicas e métodos de organización dos xogos coñecidos como escape rooms (habitacións de escape) para crear proxectos similares no ámbito dos dereitos humanos. As habitacións de escape consisten en reunir pistas e resolver enigmas para saír dun lugar nun tempo determinado.

Cecilia Vázquez aplaudiu esta iniciativa en tanto que proporciona aos mozos e mozas ferramentas de traballo que poderán utilizar nas súas comunidades locais con vistas a traballar en dereitos humanos, así como pola creación dunha rede xuvenil europea “onde a solidariedade e a educación van da man para darlle unha oportunidade á mocidade de comprometerse activamente na creación da Europa de valores que todos perseguimos” tal e como afirmou.

A directora xeral, que escoitou con atención aos participantes, deulles a benvida ao programa Erasmus+: Xuventude en Acción, de mobilidade e aprendizaxe non formal, no que se enmarca o proxecto e no que Galicia é unha das comunidades máis activas. No 2017 foi un ano récord de participación con 61 iniciativas aprobadas e 1.548 mozos e mozas implicados, sen prexuízo das actividades aprobadas noutros países europeos e nas que Galicia colabora activamente. O orzamento total ascendeu a 1,2 millóns euros.

“Este alto índice de proxectos pon de manifesto a iniciativa da xuventude galega en temas de mobilidade e participación activa en todas as actuacións que teñan que ver coa adquisición de competencias mediante a aprendizaxe non formal”, sostivo Cecilia Vázquez, que lembrou que Galicia é das poucas comunidades que emite un certificado oficial aos participantes para darlle visibilidade á aprendizaxe non formal adquirida e validar as competencias asumidas, contribuíndo así á mellora das súas posibilidades de emprego.

Concretamente, o proxecto Escape for reality, que conta cun orzamento de 23.192 euros, inclúese na terceira quenda do 2017 do Erasmus+, na Acción Clave 1, mobilidade das persoas que traballan no eido da xuventude a través de proxectos de formación e intercambios de boas prácticas. As entidades socias do proxecto son a Asociación xuvenil Arousa Moza de Vilagarcía de Arousa (España), Logos Polska de Poznan (Polonia), Asociatia Pentru Dezvoltare Activa de Bacau (Romanía), Terra di Mezzo (TDM) de Naxxar (Malta), Hellenic Youth Participation de Atenas (Grecia), Logos Lavtia de Riga (Letonia), Gruner Grashalm Ev de Zurow ot Fahren (Alemaña) e Euro Sud de Triggiano (Italia).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar