Cultura apoia un concurso escolar que recupera e divulg a etapa coruñesa de Picasso

 

A Consellería de Cultura e Educación apoia o IV Concurso de Debuxo Picasso Coruñés, que recupera e divulga entre os máis novos a etapa coruñesa do artista malagueño. O certame, organizado pola Asociación da Prensa da Coruña, convida o alumnado galego de 3º a 6º de primaria e de educación secundaria obrigatoria a inspirarse nos xornais de tamaño folio que un Picasso mozo escribía e ilustraba durante a súa estadía na Coruña para contarlle á súa familia en Málaga o que lle ía pasando.

“O reto é emular os xornais que Picasso elaborou mentres vivía na Coruña. A imitación é, sen dúbida, unha forma de admiración e, por suposto, unha boa aprendizaxe”, explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a presentación do certame, hoxe na Coruña. “O concurso potencia a creatividade, a colaboración entre alumnado e docentes e, por suposto, o descubrimento da obra do Picasso coruñés e o coñecemento da vida e circunstancias dun xenio á idade do alumnado participante”, engadiu Lorenzo.

O secretario xeral de Cultura estivo acompañado durante a rolda de prensa polo director do concurso, Rubén Ventureira, e polo presidente da Asociación da Prensa da Coruña, Manuel González.

Tres categorías e tres premios por categoría

O certame ten tres categorías, o grupo A para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria; o grupo B para os de 1º e 2º da ESO e o grupo C para os de 3º e 4º da ESO. Coa elaboración dun xornal, cada alumna ou alumno (ou cada grupo, porque se poden presentar en grupos de ata tres persoas) opta a calquera dos tres premios: mellor xornal, mellor ilustración e mellor redacción. Establécense tres premios por categoría.

A data límite de presentación dos traballos é o 18 de maio de 2018. A entrega de premios terá lugar no IES Eusebio da Guarda da Coruña, edificio no que Picasso estudou belas artes e ensino secundario.

A etapa coruñesa dun xenio

O concurso trata de promover o coñecemento da figura de Picasso e de darlle difusión, sobre todo entre os máis novos, á súa etapa en Galicia, “unha influencia destacable na vida do xenio malagueño. Aquí se formou como persoa e se conformou como artista. Aquí sentáronse as bases dun talento que alumearía a arte do século XX”, afirmou Anxo Lorenzo, quen lembrou tamén que “foron cinco anos fundamentais na vida do Pablo mozo, durante os que recibe a súa primeira formación artística na Escola de Belas Artes, da man do seu pai, José Ruiz Blasco, e de profesores como Isidoro Brocos ou Román Navarro”.

A etapa rematou coa morte da súa irmá Conchita, que precipitou a marcha da familia a Barcelona. Porén, foi un tempo que Picasso lembraría sempre con nostalxia e que sentaría as bases “dun talento que alumearía a arte do século XX.”

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar