A Xunta desenvolverá actividades sobre consumo responsable dirixidas a 2.200 persoas

A Escola Galega de Consumo, que depende da Consellería de Economía, Emprego e Industria, realizará ata finais de abril diferentes actividades formativas, dirixidas tanto a estudantes como outros colectivos, sobre consumo responsable nas que se prevé a participación de máis de 2200 persoas. No que vai de ano, realizou neste campo actuacións nas que tomaron parte 1196 persoas. Os obradoiros celébranse tanto nas propias instalacións da Escola, emprazadas en Santiago, como en centros educativos e asociacións de diferentes localidades galegas.

Deste xeito, mañá visitarán a Escola Galega de Consumo un total de 40 alumnos de terceiro curso da ESO do IES número 1 da Estrada (Pontevedra) que participarán nun obradoiro de consumo responsable, publicidade ilícita e consumo na rede.

A pasada semana visitaron a Escola estudantes do CPI Plurilingüe de Vedra (A Coruña) que participaron en dous obradoiros sobre a linguaxe publicitaria e o etiquetado dos produtos nos que os rapaces familiarízanse cos principais elementos da publicidade, como a cor, os slogans ou a música, e os principais pasos a seguir para a realización dunha campaña publicitaria, todo isto coa finalidade de que o alumnado tome conciencia de como a publicidade pode influír na súa toma de decisións á hora de mercar ou contratar calquera produto ou servizo.

No obradoiro sobre a etiquetaxe explicáronse, dun xeito sinxelo e práctico, as distintas partes xerais e obrigatorias do etiquetado, diferenciando segundo a tipoloxía do produto: tecnoloxía, alimentación, xoguete e téxtil. Deste xeito, os estudantes comprenden a importancia da información que as etiquetas facilitan sobre o produto que se vai mercar e as súas características, requisito necesario para tomar a mellor decisión de consumo.

Ademais, 14 mulleres da Fundación Secretariado Xitano de Santiago asistiron a un obradoiro sobre a resolución de conflitos de consumo, no que se explicaron, entre outras cuestións, como proceder para presentar unha reclamación en materia de consumo. A formación deste colectivo continuou o pasado luns coa realización do taller Dálle luz á túa factura a través do que se explican os principais conceptos que contén a factura da electricidade a as nocións básicas sobre o novo bono social eléctrico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar