Somos ou non somos?

É Galiza unha nacionalidade histórica? Depende. Como que depende?, non me sexa galego. É que o son, e voulle contestar como facemos nós, ao xeito.

Segundo a Constitución española de 1978, Galiza é unha nacionalidade histórica. Tamén o é segundo o Estatuto de Autonomía.

Así que, se nos atemos a literalidade das leis, éo sen discusión.

Pero unha cousa é a lexislación e outra moi diferente a realidade práctica. E a realidade vennos demostrando, desde que se comezou a discutir o Estatuto de Autonomía, que esa característica foinos regalada por razóns históricas, pois os partidos estatais, tanto UCD, coma PSOE e AP, non tiñan moita gana de pornos ao mesmo nivel de Cataluña é máis Euskadi. E os galegos… A maioría semellaba que tanto lles tiña, igual lles daba. Aínda que despertaron aquel 4 de decembro co do “Aldraxe”.

Pero, logo, seguiron na mesma, votando a dereita estatal para gobernar Galiza. Contrariamente ao que ocorría en Euskadi e Cataluña, onde gobernaba a dereita nacionalista, apoiada polo PSOE e aínda o PP, cando facía falta, aquí non se puxeron en marcha os mecanismos para que esa condición de “nacionalidade histórica” tivese a súa plasmación practica.

Non hai máis que darlle un repaso as competencias é ollar a diferencia coas outras nacionalidades históricas, ou lembrar aquelas transferencias, comezando pola da Sanidade, que nós deixaron arruinados. A débeda histórica, tantas veces demandada, nunca se pagou. E non se fixo, nin transferiron as competencias necesarias, porque, para os partidos estatais, Galiza é unha autonomía de segunda; porque a dereita española, que sempre gobernou Galiza, non cree na nosa autonomía e compórtase coma se a Xunta e o Parlamento fosen, unicamente, institución descentralizadoras; e, o máis importante, porque Galiza nunca foi un problema para o Estado.

A plasmación práctica do que dicía antes, pode comprobarse na demanda da transferencia da AP-9 a Xunta: o goberno de Mariano Raxoi non é xa que se negue a realizar a transferencia senón que nin sequera permite discutilo no Congreso; ningunean ao Parlamento galego, que o aprobou por unanimidade, e o presidente da Xunta ponse ao lado de Madrid na vez de facer forza desde Santiago.

Foron mudando as razóns para esta negativa. A desta semana do ministro de Fomento, ten premio. Contestoulle a deputada de En Marea: “é que a Constitución non o permite”. Como lle replicou Alexandra Fernández: “e logo, somos menos que Cataluña e Euskadi, as que si llas transferiron…”.

Pois si, esa é a realidade, e, como me dicía a miña aboa Alicia, “facer, fixéchelas, pois agora non me veñas chorando”.

Que aos galegos non nos importa está claro, por iso votamos a quen votamos.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar