Cinco primeiras obras do «Muramiñae», que proxecta “o Lugo do futuro”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentouna sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, os deseños das cinco primeiras actuacións que o Goberno poñerá en marcha no marco do Muramiñae, da Muralla ao Miño, o DUSI, un plan que, con 12,5M€ de investimento, o 80% achegado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), “permitiranos dar un gran impulso na implantación do noso modelo de cidade: máis accesible, humana, sostible, social, integradora e máis verde ”, subliñou a rexedora.

Méndez deu conta en rolda de prensa, acompañada da Coordinadora no Concello deste proxecto, Isabel Villamor, dos anteproxectos ou estudos de viabilidade da pasarela peonil ao Miño, a ampliación do paso inferior da N-VI, a reforma da Volta da Viña, a descontaminación dos solos do Carme e a posta en valor do patrimonio deste barrio, despois de informar dos mesmos na Comisión de Seguimento do Muramiñae, na que están representados todos os grupos políticos da Corporación.

Estes resultados son froito da contratación que o Concello fixo para a redacción dos proxectos técnicos destas cinco actuacións.

– PASARELA PEONIL AO MIÑO

O obxectivo é crear un novo itinerario para peóns e bicicletas que favoreza o acceso dende o centro urbano á zona do río, e en especial ao campo de fútbol, co fin de reducir a dependencia do uso do vehículo e mellorar a seguridade vial.

“Con esta actuación respondemos a unha importante e reiterada demanda que nos fan os milleiros de afeccionados que acoden cada quince días ao Anxo Carro e a cidadanía en xeral”, asegurou a rexedora.

A proposta plantexada consiste en construír unha pasarela, dende unha zona verde existente entre a estrada Tolda de Castela e a N-VI, no enlace que conduce ao centro comercial, e o espazo tamén verde ao pé do aparcadoiro do propio Anxo Carro e do Pazo de Feiras. (ADXÚNTASE PLANO).

Inicialmente baralláronse varias opcións, pero esta é a única localización posible porque afecta só a terreos municipais e non a terreos incluídos en Unidades de Actuación Urbanística, o que axilizará o proceso, e tamén porque ten unha conectividade coa cidade.

O orzamento desta obra é de 555.000€.

– AMPLIACIÓN DO PASO SUBTERRÁNEO BAIXO A ESTRADA N-VI

O obxectivo é mellorar as condicións deste itinerario peonil, tratando de convertelo tamén en apto para o uso de bicicletas, co que se favorece tamén o acceso á zona do río e as instalacións e servizos da súa contorna.

A proposta recollida no anteproxecto pasa por demoler o actual paso inferior, que está feito de formigón, e executar unha nova estrutura de paso, cun gálibo horizontal e vertical máis amplos, o que diminuirá o efecto túnel e o fará moito máis agradable para o usuario. De feito, dobrarase a anchura, dos 4,5 ms actuais pasará a 8, e a altura será máis do dobre, pasando dos 2ms actuais (nos extremos) a 5,3ms.

«Optamos pola colocación dunha estrutura prefabricada sobre unha cimentación de formigón armado, sobre todo porque é o que implica un menor tempo de execución, e polo tanto, unha menor interferencia co tráfico na N-VI», adiantou Méndez, ao tempo que explicou que nos extremos o paso ensánchase co fin de mellorar a súa estética e minimizar de novo o efecto túnel.

Para acometer este paso –demolición da actual estrutura e colocación dunha nova- sen interromper o tráfico pola N-VI será preciso habilitar un desvío provisional, que se fará, pola marxe esquerda da estrada –sentido A Coruña-, pois nesta zona hai dispoñibilidade de terreos municipais, o que axiliza os prazos. Na marxe dereita, os terreos son privados, o que requiriría expropiacións, aínda que fose só para ocupacións temporais, o que dilataría moito o proceso.

O desvío manterá a rasante da N-VI e terá unha sección similar, con carrís de 3,5ms de ancho e arcéns de 1,5ms, tendo en conta o elevado tráfico da estrada, de máis de 25.000 vehículos diarios.

Finalmente, tamén se acondicionarán os camiños de acceso –a día de hoxe en terra- con pavimentación e se dotará de alumeado ao paso inferior.

O orzamento desta obra é de 690.000€.

– REFORMA DA VOLTA DA VIÑA

Neste caso, a día de hoxe o Goberno dispón do estudo de viabilidade, previo á elaboración do anteproxecto e o proxecto, «porque estamos á espera de recibir a preceptiva autorización de Fomento que nos faculte para poder actuar na Nacional VI. Enviamos a petición o 13 de decembro do pasado ano e aínda non tivemos reposta», tal e como adiantou a Alcaldesa, quen explicou que se comezou por plantexar a construción dunha glorieta, cumprindo deste xeito cun acordo do Pleno, pero tivemos que descartar esta opción porque tecnicamente non é viable, por medidas, pendentes, rasantes…

A opción sobre a que se traballa agora é crear un acceso directo dende o mirador de Volta da Viña, para o que, o Concello está pendente do que informe Fomento.

Méndez afirmou que con esta actuación, buscamos reducir o tráfico rodado nas proximidades da Ponte Romana, un dos emblemas da nosa cidade, minimizando a dependencia que para a mobilidade do tráfico supón hoxe a Calzada da Ponte». Ademais, a Ponte Romana dará unha continuidade deste itinerario peonil que materializa a entrada á cidade dende o río por unha vía sen tráfico.

– DESCONTAMINACIÓN DOS SOLOS DO BARRIO DO CARME

Esta é outra das necesidades históricas do barrio: eliminar os verquidos non controlados, e deste xeito o impacto que estes teñen na contaminación medioambiental e tamén na estética urbana.

Neste caso, o anteproxecto contempla a construción dun pozo de bombeo na rúa Vicedo, na súa parte baixa, que recollerá as augas de escorrentía da propia vía e as dos dous colectores existentes nesta zona que verten directamente ao Rego dos Hortos, para levalas á rede xeral de saneamento, a través do pozo de rexistro existente na rúa Santiago. Así, elimínanse dous verquidos incontrolados de efluentes contaminantes, ademais das augas escorrentías que danan a calzada da rúa Vicedo.

A actuación levará consigo tamén o propio acondicionamento da rúa Vicedo, mediante a regularización da rasante, a colocación de pavimento, e a execución de cunetas nos laterais.

O orzamento desta obra é de preto de 60.000€.

– POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO HISTÓRICO E CULTURAL DO CARME

Neste caso, prevese, entre outras actuacións, a posta en valor da cloaca romana descuberta no ano 2008 na parte traseira da Sala de Exposicións Porta Miñá, co obxecto de facela visitable e aberta ao público a través da súa musealización in situ. A este semisoto accédese hoxe a través dunha rampla de formigón que está tapado cunha lousa.

Contémplase o acondicionamento do local, que ten unhas dimensións de 23,2ms de largo, 6,10ms de ancho e 4ms de alto, co saneamento e limpeza da excavación, e coa súa impermeabilización.

Ante posibles filtracións (tanto das paredes tratadas, como do terreo natural ou da zona da cloaca), a idea é manter o actual pozo de bombeo e colocar outro, no outro extremo da cloaca, co que non sería necesario atravesar a mesma con tubos de drenaxe, o que preserva ao máximo a súa integridade. Seguidamente, procederase á dotar de instalación eléctrica para iluminación, e ao revestimento das paredes (con PVC) e o teito (con falso teito).

En canto ao acceso, cambiarase abrindo un oco na parte da estancia que dá ao camiño lateral para colocar unha porta á cota axeitada e garanta a total accesibilidade.

Dentro desta liña de actuación, tamén se valora, en coordinación co arqueólogo municipal, facer sondaxes arqueolóxicas:

– No antigo camiño de Rego dos Hortos co fin de estudar a súa vinculación coa c alzada romana e o camiño de Santiago

– E tamén noutros tramos da Calzada Romana ou no denominado Camiño do Balneario co fin de estudar a accesibilidade ás antigas terma.

O orzamento conxunto é de 250.000€.

Seguintes pasos

Unha vez presentados os anteproxectos, agora a empresa adxudicataria ten ata o vindeiro 17 de marzo para presentar os proxectos técnicos. Para podelos sacar a licitación, adxudicalos e executalos, o Goberno necesita a aprobación definitiva dos Orzamentos 2018 e os permisos do Ministerio de Fomento, no caso das obras que afectan á N-VI: reforma da Volta da Viña, pasarela peonil e ampliación do paso inferior.

O Lugo do futuro

Para Lara Méndez, estas actuacións non só teñen un fin concreto, como mellorar un acceso, salvar unha estrada, ou sacar á luz restos romanos. Estas actuacións, teñen unha finalidade global: achegar o río á muralla revelando todo o tesouro que existe no Carmen.

«Eu son das que miro as redes sociais como instrumento complementario para pulsar o sentir dos meus conveciños, e por iso estou tan contenta con estes proxectos. Os gobernos valen o que vale a súa capacidade para solucionar problemas e, con  Muramiñae, non só damos resposta aos afeccionados do CD Lugo que se queixan da seguridade, ou aos que nos mandan fotos dos verquidos… con  Muramiñae pensamos no Lugo do futuro, no Lugo do 2028. Ademais, esta é a cristalización de todo ese traballo que non se ve, esas horas de  reunións técnicas e con diferentes colectivos sociais,  os  informes. Estes proxectos e, o todo o que queda, son o froito dese traballo”, indicou a Acaldesa.

O Goberno de Lugo ten claro que cidade quere: unha cicidade aberta, baseada nun desenvolvemento urbano sostible e respectuosa coas súas tradicións. Unir a pedra e a auga, a Muralla e o Río Miño cada vez está máis preto e hoxe, damos un paso máis para cumprir esta promesa de mandato.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar